Rafael Franco: “O subcampionato de Liga é un fito que quedará para a historia”

186

Conversas cuánticas son unha serie de entrevistas ficticias a personaxes que, segundo o subxectivo e ás veces extravagante criterio do autor, resultaron relevantes na historia do Real Club Deportivo. O autor asume a responsabilidade de calquera erro histórico que poida producirse, voluntario ou non, de ningún xeito imputábel ás fontes consultadas. Pasen e lean!

A gripe, a maldita gripe. Esa é a causa da primeira viaxe individual na CEDIS. Como sempre, unha vez que o funcionario municipal asinte, entro no soto do palco da música. Resulta estraño facelo só, polo que penso no meu compañeiro, deitado na súa cama entre revistas de fútbol e caixas de medicamentos.

Penso tamén en dúas casualidades. A primeira, leve, é que parto dunha época futbolística dominada por un rosarino para dirixirme ao pasado, de novo á década dos 50, para entrevistar a outro xogador nado na provincia de Santa Fe: Rafael Franco. A segunda das casualidades é que entrevistarei a un dos compoñentes da “Orquestra Canaro”, dianteira situada na mitoloxía deportivista pola súa eficacia goleadora. Aquel Deportivo da tempada 50/51 fixo uns números sorprendentes durante a primeira parte do campionato, situándose na segunda posición da táboa ao final da primeira volta. Despois, na segunda, todo cambiou, tendo que xogarse a permanencia no derradeiro partido da tempada. A que me soa isto?

Chego á Coruña de 1951 nun día ventoso. Os homes que camiñan polos Cantóns non pasean placidamente, senón que corrican espantados cunha man no sombreiro. Se cadra por imitación corro eu tamén até refuxiarme nunha cafetería da rúa Real. Alí, sentado nunha mesa, atopo o meu home: pequeno, nervioso, cuns ollos vivos que brillan como cristais na penumbra do local.

«Contaba con dúas persoas», dime sorrindo mentres me estreita a man. «Si, eu tamén». Cun aceno amábel convídame a sentar xunta el e comezamos a conversa.

Supoño que estará aliviado despois do resultado de onte, non?
[Franco escurece o seu rostro. Mesmo o brillo dos ollos semella minguar]. Pode que aliviado non sexa a palabra. Sen dúbida foi un consolo cando o árbitro indicou o final do encontro. Con todo despois, xa na casa, apoderouse de min unha profunda sensación de anoxo. Xamais debemos chegar a esta situación. Pode que a primeira parte do campionato, aqueles bos resultados, foran en parte un espellismo. Mais tiñamos equipo de sobra para non vernos nas dificultades nas que finalmente nos vimos envoltos.

A que pensa vostede que se debeu a nefasta segunda volta?
Oxalá puidese sabelo. O fito inicial da mala xeira concorda coa desgraza de Botana no partido contra o Sevilla, no que rompeu a perna. A partir de entón… non sei. Mala sorte, malas decisións…

Malas decisións do adestrador?
Non quero centrar no adestrador toda a crítica! Se sinalamos a Oso Díaz pola mala segunda volta, poderiamos tamén outorgarlle a responsabilidade do éxito da primeira. No fútbol, os acertos e os fallos son colectivos.

Unha primeira volta onde naceu a “Orquestra Canaro”.
Así nos bautizaron a Corcuera, Oswaldo, Moll, Tino e mais min. Todos suramericanos agás Tino, que era galego. No campo dabamos unha sensación de coordinación absoluta, como unha orquestra. Supoño que esa é a razón do nome. Durante a primeira xeira do campionato tivemos uns brillantísimos rexistros goleadores. Lembro goleadas escandalosas en Riazor ante Atlético, Real Madrid, Athletic… Ao Lleida chegamos a meterlle dez goles! E fóra tamén callamos algún bo partido. En Valencia, por exemplo, saímos do campo ovacionados despois de gañar por cero a tres.

Fálenos un pouco de vostede, da súa traxectoria antes de chegar á Coruña.
Pódese dicir que son un nómade do balón! Debutei moi novo nun dos equipos da miña cidade natal. Perdón, non “nun dos equipos”, senón “no mellor equipo de Rosario”: Newell´s Old Boys. Despois xoguei en Chacarita e River Plate, antes de cruzar o río da Prata para xogar en Montevideo, no Nacional. Aínda me deu tempo a pasar unha tempada no Marte mexicano antes de chegar á Coruña, e iso que non son tan vello!

Como recorda a súa chegada a esta cidade?
Recordo que cheguei moi canso e temeroso. A viaxe foi un auténtico inferno, moi longa. Ademais, tiña a sensación de chegar a un mundo novo. Porén, axiña me adaptei. A recepción no club e na cidade foi estupenda.

A súa fichaxe tivo algúns aspectos polo menos curiosos…
Dilo pola subscrición popular?
[Asinto coa cabeza]
Foi curioso, si. Eu cheguei á Coruña coa carta de liberdade no peto. Veu canda min outro arxentino, Rafael Ponce. O daquela presidente, o señor Chaver, promoveu unha campaña entre os socios e a hostalería local para afrontar as nosas contratacións en base a unha subscrición popular. A cousa non foi mal, e até se puido financiar a incorporación de dous futbolistas máis: Cheché Martín… e coido que Juanete, agora non o lembro ben.

E desde entón a xogar.
Para iso crucei o charco! Tiven, ademais, un debut soñado. No primeiro partido da tempada 48/49 gañámoslle ao Sabadell por cinco goles a dous, dos cales eu anotei tres.

Falemos logo de goles. Un dianteiro ten sempre a portería contraria na cabeza. Está satisfeito do seu nivel goleador no Deportivo?
Non me queixo. Catorce goles en cada unha das tempadas que levo aquí. Pode que non sexan números espectaculares, mais poucas veces se dá un caso dun goleador tan regular.
[Franco ri e eu non podo evitar rir con el]

A nivel individual é certo que foi moi regular. Pola contra, a nivel colectivo é imprescindíbel marcar un fito: esa tempada 49-50, o grande “annus mirabilis” da historia recente do Deportivo.
Abofé! Co grande Scopelli no banco! A primeira vez que o Deportivo da Coruña, un club humilde dunha cidade pequena, acadaba o subcampionato de liga. Un fito que quedará para a historia.

Non pensa que se poida repetir?
Véxoo realmente moi complicado.
[Son eu entón o que sorrí, contando coa vantaxe de coñecer o futuro]

Algún intre especial dese subcampionato, algún partido que se fixase na súa memoria?
Talvez a vitoria en Balaídos, pola súa épica. Unha marea de coruñeses se achegara en tren até Vigo. Foi un encontro moi disputado, e eu tiven a honra de anotar o último gol.

Lembra aquela aliñación?
[Engurra a fronte, caviloso] Déixame ver… Acuña, Botana, Ponte, Pedrito… Martín, Guimeráns, Moll, Ponce, Dieste, Tino e Franco, por suposto!

Ten boa memoria…
Os momentos agradábeis sempre son máis fáciles de recordar.

Xa para ir rematando a entrevista, como se define Rafael Franco como xogador?
Son un dianteiro rápido, que gusto do caneo e de levar o balón pegado ao pé. Como non son moi corpulento, emprego os cóbados para facerme paso entre os rivais. Ou polo menos diso me acusan os defensas! [Ceiba unha gargallada alegre]. É un xeito de aproveitar a miña pequena estatura… Son tamén un especialista nos lanzamentos de penalti. Adoito ter unha boa estatística nesa disciplina.

Din de vostede que é un apaixonado do fútbol.
O fútbol é a miña vida. En Arxentina é unha auténtica relixión. Cando cheguei á Coruña, abraiábame entrar nun bar e que se estivese a falar doutra cousa que non fose o fútbol. Encántame falar de fútbol, xogar ao fútbol, ver fútbol… Cando finalice a miña carreira –agardo que dentro de moito tempo –a miña ilusión é continuar vinculado dalgún xeito a este deporte.

Máis Conversas cuánticas:

Federico Fernández-Amor Calvet, fundador do que agora coñecemos como RC Deportivo: “O football estendeuse pola cidade como un andazo de sarampelo”.

Luis Otero, xogador que deixou o Celta polo Dépor en 1924: “A conmoción en Vigo pola miña marcha foi enorme”.

Bebel García, deportivista fusilado en 1936: “Como futbolista, igual que na vida, doulle coa esquerda”.

Santiago Rey Pedreira, arquitecto do moderno estadio de Riazor: “Riazor é un adiantado aos tempos vindeiros”.

Helenio Herrera, ex adestrador do RC Deportivo: “No fútbol non existe a maxia, só a paixón e a loita”.

Compartir.

Sobre el Autor

Nado en Pontedeume en 1976 e actual veciño de Monte Alto, son escritor e enxeñeiro técnico industrial. Comecei a miña andaina como narrador no 2013 coa novela infantil Xildas. Ese mesmo ano acadei o Premio Merlín de Literatura Infantil coa obra O Castañeiro de Abril. Deportivista desde a primeira vez que pisei Riazor, frecuento agora estoutro estadio virtual para deixar estas pingas de ficción.

186 comentarios

  • Condiciones generales y normas de los comentarios
    1. Rafael Franco “el pibe” como se le conocia…fue mi entrenedor en juveniles en Venezuela,donde vivio monton d años y nacio su hija q creo vive en Coruña…
      Lo vi y charlamos por ultima vez un verano, hace monton d años ya, cuando fui d vacaciones a Coruña y El Pibe entrenaba al Ferrol y jugaba un amistoso en Mugardos,contra aquel Deportivo d los Belló,Luis,Cholo.Loureda,Sertucha,Joanet,Beci,Dominguez,Loureda,Cortes etc. q entrenaba Cheché Martin militando en Primera!

      Para mi ha resultado muy entrañable leer esta “recreacion”…lo único q me chocó un poco es leer a Franco contestando en gallego…que contrasta con su acento argentino q pese a los años tengo aún en el recuerdo. Pero no pasa nada! Excelente trabajo! Felicidades!