Włodzimierz Smolarek: “Non son un extremo que adoite agardar o balón no costado”

7

Pensamos no Mundial. Cantos levamos visto a través da televisión? Un de nós afirma, inseguro, que fican na súa memoria brasas do 82. Difícil. Se cadra son recordos de recordos, lembranzas construídas tras anos a rememorar batallas. A memoria do outro estarrícase até o 86, ano no que un xigante esmagou coa man o estadio Azteca.

O Mundial de fútbol, de balompé, de soccer. Asemblea universal de talentos. Un luxo. En poucas ocasións se pode gozar na casa da arte procedente dos catro recantos do planeta.

En Riazor xogouse o Mundial de 1982. A Coruña e Vigo repartiron os encontros do grupo A, formado por Italia, Camerún, Perú e mais Polonia, do que saíron a campioa e a terceira clasificada do torneo. O público galego verteu a súa simpatía na selección camerunesa, á que apoiaba entusiasta mentres alimentaba as rexoubas sobre o pantalón longo do porteiro N´Kono.

A expectación na Coruña era total! Con todo, o inicio non foi o esperado. O primeiro partido enfrontou a Perú e a Camerún, con resultado de 0-0. Tres días despois, os africanos empataron de novo a cero con Polonia. Sequía absoluta! O nunca visto! Só ficaba un derradeiro partido en Riazor entre polacos e peruanos. Chegarían os goles?

E abofé que chegaron! Nun torrente de xogo e velocidade, os europeos esmagaron os americanos por cinco a un. O primeiro gol mundialista en Riazor anotouno Włodzimierz Smolarek, un extremo rochoso que, xunto con Boniek e Lato, conformaban o temíbel tridente do equipo biato-czerwoni.

Nado en 1957 en Aleksandrów Łodzki, Smolarek disputou a meirande parte da súa carreira en Polonia, principalmente no Widzew Łodz. Antes de retirarse xogaría tamén en Alemaña e Holanda. Falecido prematuramente aos 55 anos, aquel histórico número 11 foi un dos protagonistas do último éxito polaco nun Mundial. Un éxito que se produciu no medio dun clima de forte tensión social e política no país. Toda aquela situación reflectiuse no filme documental “Munidal. Gra o wszysłko” (Mundial. O xogo de todos), de Michał Bielawski.

Non podiamos deixar pasar esta oportunidade. Así que nos documentamos a conciencia, preparamos con calma a expedición, e contactamos cun tradutor que nos acompañase até o 22 de xuño de 1982.

Encontramos un Riazor flamante, lucindo a reforma feita para a ocasión. Polonia e Perú xogaban todo a unha carta. Non habería unha nova oportunidade. A vitoria permitiríalles avanzar na competición. Do contrario…

As bancadas, malia presentar un bo aspecto, distaban moito do cheo. O noso tradutor foi o que máis gozou da exhibición polaca. Un tras doutro aplaudía entusiasta os goles do seu país.

Á finalización do encontro accedemos á zona de prensa. Alí agardaba por nós Smolarek. 1,71 m de estatura, cabelo escuro, queixo cadrado e sorriso franco. Saudounos cunha forte aperta de mans e comezamos a entrevista.

Que supuxo animicamente ese primeiro gol?
Foi unha válvula de escape para a presión acumulada tras dous encontros sen marcar. Non estabamos a facer un mal xogo. Tiñamos ocasións e levabamos a iniciativa. Con todo, os goles non chegaban. Despois do meu primeiro tanto todo resultou máis sinxelo. Foi como se desatásemos un nó na cabeza.

Este é o seu primeiro Mundial. Que sente ao defender as cores de Polonia na máxima competición de seleccións?
Orgullo e responsabilidade, principalmente. Eu tiña dez e seis anos cando Polonia quedou terceira no Mundial de Alemaña. Aquel partido contra Brasil marcou á miña xeración. Daquela soñaba con poder vivir algo semellante. Xogadores como Tomaszewski, Deyna, Gadocha ou Szamarch eran ídolos para min. E Lato, por suposto. Imaxinen a alegría que sinto agora xogando ao seu lado!

A nivel particular, vostede chega a esta competición despois dun ciclo de éxitos co seu club. Como valora o seu retorno ao Widzew Łodz?
Moi positivamente. Eu comecei a xogar no Widzew Łodz de rapaz. Esa é a miña casa. Pasei un par de tempadas no Legia de Varsovia, mais alí non era feliz. Desde que regresei, gañamos a liga polaca dous anos seguidos. Puiden ademais contribuír con goles, o que me fixo sentir importante. Espero que a cousa continúe nesta liña.

Como valora, até o de agora, a súa traxectoria internacional?
Coido que estou plenamente integrado neste equipo, que formo parte dunha maquinaria ben engraxada. Gústame formar dianteira con Lato e Boniek. Somos xogadores moi distintos entre nós, mais complementámonos ben. Debutei coa selección hai dous anos, en 1980. Desde entón xoguei a clasificación para este Mundial, ante a RDA e Malta. Até o de agora os resultados foron excelentes. Teño a sensación de que faremos grandes cousas xuntos.

Que aspiracións teñen no Mundial? Algún obxectivo marcado?
Non nos marcamos obxectivos concretos. Só dar o mellor que temos dentro e deixar que a competición nos coloque onde merecemos. Repetir o terceiro posto de Alemaña sería un soño. Iso si: desexamos mellorar a clasificación de Arxentina, onde fomos sextos.

Fálenos das súas características como futbolista.
Pola miña forza e ambición cara á porta, non son un extremo que adoite agardar o balón no costado. Estou lonxe de ser un once clásico, que desborde por velocidade. A capacidade de asociación e mais o disparo son as miñas principais virtudes.

Que outros compañeiros destacaría?
Temos xente moi boa en cada unha das liñas. Aínda así, se teño que destacar dous compañeiros serían Lato e mais Boniek, os meus socios no ataque. Boniek xoga comigo no Widzew Łodz. É un talento puro, quen de superar os rivais cun caneo simple e disparar con ambas as dúas pernas. Pola súa parte Lato é unha figura reverenciada dentro do vestiario. Este é xa o seu terceiro Mundial. Soubo adaptar o seu xogo ao paso do tempo. Se cadra xa non tortura como antes os defensas no un contra un. Agora a súa misión é alimentar con bos pases os seus compañeiros.

E nos rivais?
Levamos aínda pouca competición. Polo visto até o de agora, destacaría ao italiano Antognoni, un centrocampista de moita clase. E a Zoff, xaora! Un dos mellores porteiros cos que me enfrontei. Tamén me sorprendeu o camerunés Milla, un dianteiro con moita mobilidade.

Xa para rematar: Como ve o seu futuro? Desexa xogar fóra de Polonia?
Polo de agora estou contento no meu club. Temos un grande equipo e sinto que nos quedan moitas cousas boas por lograr. O instinto competitivo continúa aí, aínda non se esfumou. Despois, a longo prazo, quen sabe? A lexislación do meu país marca que até os vinte e nove anos non podo xogar no estranxeiro, así que aínda me quedan catro anos para pensar niso.

Compartir.

Sobre el Autor

Nado en Pontedeume en 1976 e actual veciño de Monte Alto, son escritor e enxeñeiro técnico industrial. Comecei a miña andaina como narrador no 2013 coa novela infantil Xildas. Ese mesmo ano acadei o Premio Merlín de Literatura Infantil coa obra O Castañeiro de Abril. Deportivista desde a primeira vez que pisei Riazor, frecuento agora estoutro estadio virtual para deixar estas pingas de ficción.

7 comentarios

  • Condiciones generales y normas de los comentarios
    1. Gracias Riazor.org por escribirlo en Gallego solo y no acordaros de los aficionados del resto de España…..

      • Que pesados con el idioma. Tranquilo, que dentro de 30 años el idioma gallego será residual y tú podras leer todo en español.

    2. El exigido Huapaya el

      Uno de las camisetas vintage que más me gustan, la de la Polska setentera y ochentera. Mítica selección polaca.

      Gran gestión la de Villar en la RFEF, tengo dudas si veremos antes unos juegos olímpicos en Madrid que un nuevo mundial o Euro en España. Me gustaría ver un Mundial en Riazor que el 82 me pillo zigoto.

    3. Pobre Joselu, en caso de que no marque cuando vuelva o cometa algun error, aqui ya le estaran criticando igual que a Andone, gente que decia que no le reprochaba nada y ya les sobra. Del tema de Lucas, hay que ver hasta que punto la gente es envidiosa, ojala te recuperes y te ganes un puesto, te lo mereces crack. Eres ejemplo de luchador, un ejemplo de superacion para los niños y no messi o cristiano.

      • MERCE84 el tema es que cuando un delantero no mete gol se le cuestiona,sea Luis Suarez,Gameiro o como se llame.Que el equipo no juga ni a las chapas ,eso esta claro pero lo dicho a cualquier delantero de cualquier equipo del mundo si mete goles se le critica.

    4. o demo da Crunia el

      Meu pai traballou na reforma de Riazor po mundial do 82
      E antes de éso aló polos 40 ou así tiña capacidad pa 60.000 almas de pé o Maracaná jallejo😁