A Federación de Peñas do Deportivo e os Riazor Blues quixeron lanzar unha mensaxe de unión no momento máis complicado do equipo no que vai de tempada. Os últimos resultados do conxunto branquiazul espertaron dúbidas na afección. Pero máis alá dos resultados, case tres mil afeccionados estarán este domingo nas bancadas do Carlos Tartiere para animar ós xogadores deportivistas.
Baixo o lema «Nas boas, nas malas» e o hashtag #AUniónFaiAForza, a Federación de Peñas quere amosar o seu apoio ó equipo nunha semana especialmente difícil tralo empate ante o Almería e as declaracións de Natxo González ó remate do mesmo na rolda de prensa.
A semana pasada, os Riazor Blues achegáronse á Cidade Deportiva de Abegondo para animar ó grupo, algo que agradeceron membros do corpo técnico e xogadores. O equipo comezará a xornada a cinco puntos do ascenso directo e co sétimo clasificado, o Cádiz, que marca a rede de seguridade no playoff. A intención prioritaria é recuperar as sensacións, que sen dúbida foron mellores a domicilio no que vai de ano.
No seguinte vídeo podes ver as imaxes da afección na rúa Manuel Murguía dando folgos ó equipo.
Todos xuntos #AUniónFaiAForza https://t.co/B922ZdXOj2
— FPDeportivistas (@fpdeportivistas) March 26, 2019