Non foron poucos os casos de solidariedade que o mundo do deporte deixou nos últimos días para combater a crise sanitaria do coronavirus. O propio Deportivo anunciaba onte a doazón de 100 litros de xel hidroalcohólico ao CHUAC e agora son os seus seguidores os que se poñen en marcha. A Federación de Peñas e Riazor Blues lanzan unha iniciativa solidaria baixo o nome ‘Deportivistas de corazón’, coa que fan un chamamento para que todos os afeccionados que poidan colaborar cos colectivos máis desfavorecidos, acheguen a súa axuda.
Este é o comunicado da Federación de Peñas e Riazor Blues
Os deportivistas queremos manifestar a nosa preocupación pola situación actual que estamos a vivir desde todos os sectores da sociedade por mor da pandemia do COVID-19.
Día a día contemplamos unha problemática que desde hai unhas datas vai en aumento e que noso toca a todos os niveis, con casos de contaxios por COVID-19 de forma masiva a nivel mundial, estatal, galego e tamén nas nosas cidades, vilas e aldeas.
É por iso que queremos facer un exercicio de responsabilidade e solidariedade, de xuntanza e unión. Un dos aspectos que caracteriza a nosa AFECCIÓN é sen dúbida saber sobrepoñerse nos intres máis complicados a base de unión e compromiso, converténdose nunha forza imparable que nos fai estar orgullosos de identificarnos coas cores do Real Club Deportivo da Coruña.
Queremos usar neste caso esa sinerxía para ofrecer todo o apoio posible aos sectores que están soportando o maior peso e responsabilidade como son os sanitarios que loitan día a día, os traballadores do sector primario, alimentación e demais que se esforzan para que esta situación anómala sexa o máis levadeira posible por parte da sociedade.
Facemos unha chamada a todo o DEPORTIVISMO, socios, peñas, abonados, club, medios de comunicación e tecido social branquiazul en xeral en busca desa colaboración cos sectores más precarios ou con máis carencias: residencias, hospitais, centros de acollida e demais colectivos necesitados.
Poñemos en coñecemento o seguinte número de conta para calquera aportación, sexa cal sexa, sume en apoio e reste en necesidades á Institución Benéfico Social Padre Rubinos e á Cociña Económica da Coruña.
ES 69 2080 0058 1730 0007 7832
GRAZAS POLA TÚA COLABORACIÓN #DeportivistasDeCorazón