Fernando Vázquez, adestrador do Deportivo, pasou pola sala de prensa na previa do encontro dos branquiazuis ante o Guijuelo. O míster valorou o parón, compartiu as súas expectativas de cara ao domingo e, coma era ineludible, sinalou as opcións do retorno de Diego Rolan.
Precisamente, a posible participación do uruguaio foi unha das primeiras preguntas que recibiu Vázquez, aínda que foi prudente neste sentido. «É precipitado, si. Un terreo de xogo que evidentemente é máis propenso a lesións e nestes momentos… é posible que opte por deixalo na casa e que adestre. Veremos que pasa mañá. Vamos darlle unha semana máis».
O partido ante o Guijuelo chega despois dunha fin de semana sen competición, unha circunstancia habitual no fútbol pero que a Vázquez non lle gusta. «Non entendo por que temos que parar… Preferiría xogar agora todo seguido e descansar ao mellor antes da última fase. Pero as cousas están así e así as aceptamos». Iso si, recoñeceu que, co número de xogadores que tiña mancados, neste caso foi unha situación beneficiosa para o seu equipo. «Creo que a nós nos puido vir ben porque tiñamos algunha xente lesionada. Vamos a chegar ao partido de Guijuelo unicamente con Derik e Valín de baixa. Recuperamos a Granero, a Eneko, Salva, entón foi positivo«, admitiu.
Recuperar efectivas ten tamén un lado complicado, pois o adestrador terá que deixar fora a homes que viñan xogando sempre que estaban dispoñibles. É un problema contar á vez con Granero, Borges, Álex e Uche? «Todo iso inflúe, todo me fai pensar. Pero tampouco sería incompatible que xoguen os tres. Ou os catro. Borja, Álex, Uche e Borges. Non me parece que sexa incompatible. Pero si, o tema de Celso faime pensar, incluso o tema de Granero, porque o xeonllo a ver como reacciona a un campo máis duro. Pero problema non é. Pode complicarme a elección, pero é unha complicación positiva. Téñoos a todos e polo tanto é cuestión de facer de adestrador».
Precisamente este aumento de homes a disposición do míster, sumado ao número de partidos disputados, fai que Fernando considere que xa ten motivos para valorar cambios significativos no once. «Agora podería tomar decisións xa. Catro partidos é un volume de partidos suficientes para que todos os xogadores demostraran o que poden dar nestes momentos. Estou mirando, estou vendo e agora si teño a liberdade, sempre a teño pero póñome eu esa coartada, pero agora si podería facer algún movemento nese sentido», asegurou.
O céspede artificial, de novo protagonista
Como o propio Fernando sinalou á hora de querer atrasar a participación de Rolan, o céspede será un dos puntos destacados na visita ao Municipal Luis Ramos. Así, hai posibilidades de que o equipo teña que trocar algúns dos seus automatismos. «Iso tamén é unha decisión que terei que tomar. Estábamos xogando dunha forma determinada, levar o balón a través da combinación de atrás cara arriba e algún aspecto pode modificarse. Podemos comezar intentando xogar e se vexo que non saen as cousas, poder cambiar. Todo iso está na miña cabeza, procuro adestrar ao equipo en diferentes variantes tácticas e estratéxicas e despois tomar a decisión», comentou.
Ante Unionistas, o Dépor xa tivo que xogar nun campo de herba artificial, polo que Fernando agarda que o encontro contra o Guijuelo teña certas similitudes co visto en Salamanca. «Digamos que o campo non debe ser tan importante, pero temos que ser conscientes da realidade. O factor campo sempre hai que telo en conta. O equipo está acostumado a xogar dunha maneira e imos a un campo onde cambia bastante. Considero que un equipo que non está adaptado sufre, aspectos tácticos desaparecen, aspectos técnicos se igualan e é un partido máis no que o factor casual pode predominar».
Aínda así, esta semana o técnico decidiu rexeitar unha das bases dos adestramentos previos á visita a Unionistas: adestrar en céspede artificial nos días anteriores ao encontro. «Xa o pensei a primeira vez se verdadeiramente vale a pena. Se hai adaptación indo un mércores… Porque ao final non podemos ir cerca do partido. Estamos adaptados á herba e o campo de superficie produce un impacto diferente. Sei que imos sufrir se imos, considerei que non hai nada escrito que se adestras en herba artificial a adaptación é positivo… Como non hai nada estudado, pensei que para que iamos sufrir dúas veces. Suframos no momento de xogar o partido. Agora, se perdemos en Guijuelo, sería unha crítica fácil».
O análise do inicio de tempada do Deportivo
«O equipo está en evolución, estamos intentando mellorar. Pois claro que non estou contento«, asegurou Fernando Vázquez cando se lle pediu valorar o arranque ligueiro do Dépor. «Gústame gañar, convencer e que a xente estea contenta. Persigo a vitoria pero tamén me importa a forma de gañar. Se a forma non me importara, sería abandonado pola maioría dos nosos afeccionados. Xogamos para a xente e á xente hai que producirlle certa satisfacción. Iso dentro dos obxectivos planificados non é o primeiro, pero a meta é gañar e que o afeccionado se sinta orgulloso. non solo por gañar, se non por como gañes».
Por último, o adestrador galego valorou as palabras de Angeliño, que asegurou que dentro duns anos gustaríalle xogar no Dépor. «É un orgullo para o deportivismo que un futbolista que estivo aquí poida falar así despois de triunfar. É a forma máis bonita de expresar amor a un club nestes momentos«, reflexionou o míster.