Fernando Vázquez espera a Diego Rolan de volta en 15 días

0

O Deportivo estréase mañá na Segunda B ante o Salamanca, aínda que un dos focos de atención deportivista segue sendo Diego Rolan. Despois de confirmarse a súa continuidade no Deportivo, o dianteiro uruguaio xa estivo ás ordes de Fernando Vázquez durante toda a semana en Abegondo, aínda que de momento non pode xogar. Rolan necesita conseguir o permiso de traballo e para iso tivo que viaxar a Uruguai. O técnico rebaixou as presas para velo de corto, asegurando que “se está aquí en 15 días, estarei contento”.

Na previa do enfrontamento contra o equipo salmantino, Vázquez explicou a situación de Rolan: “É difícil responder cando vai estar dispoñible. Non o sei. Non sei o tempo que vai estar en Uruguai. Porque é unha cuestión administrativa. Ademais non sei se ten que pasar corentena, polo que xa sería unha semana… a partir de aí, comezar os trámites. Penso que, como mínimo, podería estar dúas semanas alá. Espero equivocarme. Pero digamos que se en 15 días está aquí, estarei contento”.

Vázquez, optimista en canto ao estado de forma de Diego Rolan

No que si foi máis optimista Fernando Vázquez é no estado de forma de Diego Rolan. O charrúa non xoga un partido oficial dende hai moitos meses, pero o adestrador cre que pronto se porá a punto: “Estivo adestrando con nós, levaba algúns días e vese que é un rapaz que se pon rápido en forma. Ao mellor non para 90 minutos, pero para 50 ou 60, si. Estaba traballando ben, temos falado moitísimo con el e leva traballo para facer en Uruguai. Dependerá de como se implique nese traballo, se está confinado…”.

Sobre el Autor

Equipo de redacción de Riazor.org.