Despois de escoitar a valoración de Richard Barral, había moitas gañas de escoitar a opinión de Fernando Vázquez en relación á nova da semana no Deportivo: a continuidade de Diego Rolan. O adestrador de Castrofeito tivo boas palabras para o uruguaio, aínda que avisa: «Foi unha sorpresa que quedase, pero unha sorpresa positiva. É un futbolista que claramente marca diferenzas, especialmente na categoría na que estamos. Falei con el e está disposto a participar. Outra cousa é o seu estado de forma e o seu estado legal. Non ten permiso de traballo. Comezou a adestrar con nós, que levaba tempo sen traballar en grupo, e hai que ir con calma. Primeiro a nivel de adestramentos, pero tamén para que arranxe o que ten que arranxar (permiso de traballo)».
A forma física de varios membros do equipo sexa seguramente o que máis lle preocupa a Vázquez a unha semana do inicio da competición: «Creo que vamos a chegar todos sans, salvo que pase algo este sábado. Galán creo que chegará, o de Salva non é importante e Rui Costa a nivel da lesión pode estar, aínda que leva tempo sen facer traballo co equipo. Pero outra cousa é o estado de forma, que é bastante variable. Hai xogadores que non están nunha situación competitiva ideal. Estanse acercando, pero hai algúns que xa sabemos que non van chegar. Os niveles de forma son bastante diferentes. A primeira aliñación é posible que non exprese todo o potencial que temos porque non todos están para 90 minutos. De momento o Dépor está lonxe de alcanzar o seu potencial. Verémolo cando pase un mes«.
Iso sí, o técnico está máis que satisfeito co mercado branquiazul: «Estou contento co que conseguimos reunir. Hai xogadores importantes a nivel individual, agora hai que ver si somos capaces de facer un bo equipo. Dependerá de como eles se conxunten, se fan un bo grupo, se combinan ben… e é o meu traballo axudar a que todo se conxunte. Creo que as pezas están ben, imos ver como sae o caldo«.
Xogar con dous dianteiros, a idea inicial de Fernando Vázquez
Non se pecha Fernando Vázquez a empregar só o 4-4-2 co que traballou durante as últimas semanas, aínda que si sinala que a súa idea, sempre que sexa posible, é basear o equipo nunha estrutura con dous dianteiros: «Adestro sistemas diferentes porque os partidos poden presentar problemas diferentes. Pero o 4-4-2 é un sistema base fácil de adestrar e que serve para facer modificacións que estarán á orde do día. Non descarto ningunha forma de estruturar o equipo. Digamos que se un equipo conta con puntas de nivel e calidade, como eu prevía que íamos ter, e máis coa chegada de Rolan, a posibilidade de xogar con dous dianteiros está clara. Pero podo xogar con dous dianteiros sen xogar un 4-4-2. A idea é xogar con dous e sempre que sexan resolutivos buscarei a maneira de que así sexa».
Recoñece, de todos xeitos, que para dominar os encontros dende a pelota favorece máis o 4-3-3 que empregou en Pasarón: «Para dominar colectivamente necesitas como mínimo tres centrocampistas. Ante o Pontevedra tivemos problemas para ter a pelota, en parte porque estábamos moi cansados, a fatiga era importante. Pero a nivel táctico, cando tes futbolistas por dentro do nivel de Borges, Nacho e Gandoy… a posesión de balón, acompañando con xogadores por fora é máis habitual. Ter o control cun 4-4-2 é máis complicado«.
As situacións de Gandoy e Adri Castro
Para rematar, Fernando Vázquez tivo tempo de repasar as situacións de dous dos canteiráns que máis están chamando a atención entre os seareiros. Empezando por Gandoy e a súa posición no campo: «A lectura que fago con el é que podería xogar perfectamente en calquera zona do mediocampo. A el gústalle xogar no centro, incluso como organizador ou pivote defensivo, pero está capacitado para xogar como volante. Un ‘8’ ou un ’10’. Ten que aprender, traballar e el por aí non falla. É un rapaz concentrado, intelixente e do que agardamos moito. A ver como evoluciona. Sei onde lle gusta xogar, pero considero que pode xogar noutra posición».
O outro é Adri Castro: «O seu será un rol que se terá que gañar. Rui Costa non vai chegar ao inicio, Rolan tampouco… o máis probable é que no primeiro partido estea con nós. Vai compartir Fabril e primeiro equipo. A posibilidade de que quede é que cando teña a oportunidade de xogar, que demostre. Diso vai depender o seu rol».