Fernando Vázquez recoñece estar algo nervioso polo estreo en liga e avisa para que non haxa sorpresas que non se verá aínda ao mellor Deportivo ante o Salamanca: «Non vai ser nada doado. O equipo necesita partidos para rodarse. Especialmente para coller ritmo. Para min é un dos conceptos máis importantes no fútbol, que o equipo vaia acadando ritmo competitivo e que gracias a el amosemos a superioridade que deberíamos. Depende de estados de forma, partidos… non se pode esperar que o Dépor amose xa todo o seu potencial«.
Non quixo dar pistas o técnico branquiazul, sobre todo porque incluso el ten dúbidas: «A estrutura podería parecerse á que empregamos na preparación. Hai posibilidades de que sexa ese 4-4-2. A dúbida máis grande que teño é a elección de futbolistas. Teño algunhas variantes, algunhas posibilidades, e niso estou. Nestes momentos teño tres dianteiros, máis Rui Costa, que as súas posibilidades de que xogue non son demasiadas por estado de forma. Cando se che reducen os futbolistas, tamén che leva a pensar nunha variación do sistema. Iso tamén está encima da mesa».
Ao que si descartou para comezar de titular foi a Uche Agbo, mentres que espera recuperar a Borja Galán canto antes despois de varias semanas parado: «Fisicamente está ben, non ten ningún problema muscular. Pero apenas puido estar nos amigables. Non vai participar de inicio e iremos mirando se pode entrar. É un rapaz importante, pódenos dar moitísimo porque ademais é polifuncional. Penso que pode xogar en moitas posicións, pero temos que velo en plenitude».
Fernando Vázquez, ledo polo público en Riazor e triste coa sanción
Fernando Vázquez non poderá sentarse no banco nos catro primeiros partidos de liga ao arrastrar unha sanción da tempada pasada. O técnico está cabreado e decepcionado coa RFEF: «O outro día vin a un adestrador de Primeira dar ordes dende a grada e non pasou nada… Como estou? pois cabreado. Cabreeime no momento e sigo cabreado. Esperaba unha posible amnistía. Porque o presidente da RFEF é reelixido… Rubiales tamén tiña esa idea, pero parece que había problemas xurídicos. Pensaba entrar limpo. Prefiro estar no banco, pero toca grada… aínda que procurarei estar preto».
Do que non esconde a ledicia é polo feito de volver a ver xente en Riazor: «A importancia do público é vital. Unha das cousas positivas malia o descenso é que creo que non houbo fractura social. O deportivismo está aí. A relación do equipo coa afección segue sendo boa e iso é importante. Teremos algo de público, unha mínima expresión… pero espero que gañemos os primeiros 5 partidos e cheguemos aos 30.000 socios. Para este haberá 3.000 e algo de calor imos ter«.