Ademais de acudir a Abegondo para animar aos xogadores, Xulio Ferreiro escribiu un emotivo post na súa páxina de Facebook. O alcalde da Coruña destacou que en Riazor hai algo «máis firme, máis fondo, máis eterno que os muros que o conteñen».
A ninguén se lle escapa que o Deportivo xógase gran parte da tempada ante a UD Las Palmas. Pouco importan os resultados anteriores, de feito, ata pouco importa o que faga o Levante no partido de hoxe. Os blanquiazules necesitan unha vitoria coa que poñer fin a tres meses sen saber o que é terminar un partido cun sorriso na boca. Para iso necesita á súa afección, pero tamén necesitan crer en si mesmos.
Non lucirá o sol mañá en Riazor para recibir ao equipo de Paco Jémez. De feito, espéranse choivas durante toda a madrugada e seguramente antes do partido. Algo que podería disuadir a moitos de acudir ao feudo herculino. Para eles, Xulio Ferreiro tamén ten unha mensaxe. Como el mesmo di, «aquí aprendemos a xogar con este tempo. Non podemos parar por moito que chova. Vémonos mañá en Riazor».
«Todos os anos ameázannos coa nai de todas as tormentas. Temporais, galernas, cicloxéneses explosivas.
Riazor é unha das partes máis expostas de toda a península. Cada inverno a furia do mar fai por levar o que é seu. Pero reparamos fendas, aseguramos árbores e reconstruímos balaustradas. Ou quitámolas de todo, tanto ten. Esta cidade é tan dura coma as rochas de Riazor. Non hai temporal que poida con elas.
Hai algo en Riazor máis firme, máis fondo, máis eterno que os muros que o conteñen. Estadios houbo e haberá moitos, pero a emoción e o orgullo de ser coruñesas e coruñeses, de sermos Dépor, é máis poderoso que calquera tormenta.
Aquí aprendemos a xogar con este tempo. Non podemos parar por moito que chova. Vémonos mañá en Riazor».