“We can be heroes, just for one day”
David Bowie canta na radio o retrouso dun dos seus himnos máis recoñecíbeis. Nesta emisora repiten unha e outra vez os temas, sen mesura, polo que as notas vernizan os tímpanos e xamais chegan ao cerebro. Con todo, nesta ocasión é diferente. O Duque Branco pronuncia a súa sentencia mentres lemos o mail dunha lectora das conversas. Non pode ser casualidade! Moi educadamente, esta persoa reivindica a figura de Manuel Cordeiro Lestón, porteiro do Real Club Deportivo entre os anos 46 e 57.
Lestón foi un gardameta de gran talento, que tivo a mala sorte de vivir á sombra de Juan Acuña primeiro e de Juan Otero despois. Porén, este vigués é lembrado aínda polos seareiros máis veteranos por pararlle un penalti a Alfredo Di Stéfano, nunha espectacular estirada na portaría de Marartón que amarrou o empate ante o Real Madrid.
Sendo sinceros (e hai que selo!), pode que noutro momento a petición desta lectora fose ignorada. Mais hostia! Que está Bowie berrando nos altofalantes que todo o mundo pode ser un heroe, aínda que só sexa por un día. Como para ignoralo…
Desprazámonos os viaxeiros até o 27 de marzo de 1955. Encontrámonos cunha tarde solleira e estrañamente cálida para a altura do ano. Como chegamos con tempo, arremangamos as camisas e gozamos dun paseo ao longo da praia, xogando a encher os ocos da paisaxe con edificios aínda non construídos.
Riazor encheuse até a bandeira para ver un xogo vibrante, con tres goles para cada equipo. Sacamos os nosos panos e unímonos á parroquia deportivista para celebrar fazaña de Lestón. Ao remate do encontro dirixímonos á rúa, dispostos a agardar polo noso protagonista. Manuel saíu pola porta dos xogadores entre apertas e palmadas no ombreiro. Respectamos escrupulosamente o tempo preciso para os parabéns antes de achegarnos.
«Impórtalles se conversamos camiño da casa?», preguntounos. Aceptamos gustosos. Así que, xa co sol afogado no océano, demos un novo paseo.
Polo que puidemos observar na súa saída do estadio, hoxe é un auténtico heroe na Coruña. Como está a vivir esta circunstancia?
Pois abraiado, xa imaxinarán! Son un home que gusto de pasar desapercibido. Non crean que me chista moito ser obxecto de todas as miradas. Con todo, é bonito darlle á xente unha alegría así, non lles vou a mentir.
Que se sinte ao pararlle un penalti ao mesmo Alfredo Di Stéfano?
A ver, non sei se me van crer, mais vivín ese momento con total tranquilidade. Era Di Stéfano quen estaba a once metros de min! O lóxico era que marcara, así que –por dicilo dalgún xeito –non tiña nada que perder. O segredo estivo en aguantar baixo o marco, sen moverme, até que xutou o balón cara ao lado dereito. Despois estarriquei o brazo todo o que puiden e conseguín enviar a pelota a córner. Tiven moita fortuna, esa é a verdade.
Considera este momento como un premio á súa paciencia, despois de tantos anos como suplente?
[Lestón sorrí, caviloso]
Non sei que dicirlles. Semella que este intre estaba a agardar por min. Ou eu por el, non o sei. Deuse a circunstancia de que Juanito [Acuña] lesionouse e tocoume xogar a min. Eu esfórzome moito, en cada adestramento, para estar en boa forma. Cobro relixiosamente polo meu traballo e podo sacar a miña familia adiante. Ese é o auténtico premio á miña paciencia.
Cóntenos: como foron os seus primeiros pasos nisto do fútbol?
Xoguei primeiro en varios equipos infantís. Despois fichei polo Atlético Matamá, que participaba no campionato vigués de clubs modestos, xunto con outros equipos como o Peñasco ou o Rápido de Bouzas. Foron tempos de xeonllos esfolados. Había algún campo con pedras. E non lles estou a falar de simple pedregullo, senón de auténticos croios.
E como acabou no norte? Sendo de Vigo, o máis normal é que xogase no Celta.
Aos dezaoito anos fun facer o servizo militar a Ferrol. Alí participei nos torneos de mariñeiría, nos que o meu equipo se proclamou campión de zona. Despois fichei polo Racing, que me cedeu ao Galicia de Terceira División. Nesta categoría enfronteime unha manchea de veces contra o Deportivo Xuvenil. Ese foi o xeito de que os técnicos deste club se fixasen en min e acabasen por me fichar.
Lembra o seu debut na portería do Deportivo?
Lembro, xaora! Foi contra o Sabadell, tamén por unha lesión de Acuña. Eu era un rapazolo, moi novo aínda, e sentía que todo aquilo me viña demasiado grande. Aínda así apertei os dentes, traguei cuspe, e saltei ao campo coa idea de facelo ben. Lembro mellor esas sensacións previas que os propios lances do partido.
Dous anos despois da súa chegada á Coruña, o Deportivo cédeo ao Ourense. Cal foi a razón?
Cedéronme xunto con Docampo e mais Maristany. A razón foi sinxela: eramos rapaces novos que non contabamos con moitos minutos, así que decidiron cedernos para que puidésemos xogar con asiduidade e formarnos como futbolistas.
Volvendo á actualidade: pódese dicir que está a vivir a mellor tempada da súa carreira?
Non sei se é a miña mellor tempada, mais si a máis regular, na que dispoño de máis minutos. E iso que teño que competir o posto con dous enormes porteiros! Aínda así, levo xogados dez partidos, que para min é moitísimo! [Lestón ri, divertido] Seguramente a xente recordará este ano porque lle parei un penalti a Di Stéfano. Pola contra, eu coido que lembrarei a actuación contra o Málaga na Rosaleda. Gañamos por cero goles a un, e as miñas paradas serviron para conseguir a vitoria.
Como se define como porteiro? Cal considera que son as súas virtudes e cales os seus defectos?
O meu maior defecto é evidente: non teño unha grande estatura. Iso faime sufrir moito nos balóns aéreos. Tento compensalo con valentía nas saídas e unha boa forma física. En canto ás virtudes, son un porteiro áxil e con bos reflexos.
En todos estes anos partillou vestiario con moitos xogadores. A quen destacaría?
No deportivo é difícil escoller. Tiven a honra de xogar con grandes futbolistas. Aí están os Acuña, Arsenio, Otero, Pahíño, Botana… A lista é longa. No persoal, se teño que dicir un nome, quedo co meu grande amigo Rafael Ponte. Isto é o bonito deste deporte. Acabas creando uns vínculos que transcenden o eido profesional.
Nesta altura da película, cambiaría algo? Talvez o tentaría noutro destino onde puidese xogar máis?
Sinceramente: non. Son unha persoa moi sinxela e gusto da vida que teño aquí. Na Coruña formei unha familia. É o sitio onde quero estar e onde vexo o meu futuro. Tiven a sorte –ou a desgraza, non o sei –de compartir posto cun dos mellores porteiros da historia. Isto é así. Mais teño a conciencia moi tranquila. Traballo arreo cada día para dar o mellor de min cando me toca xogar.