O Deportivo quixo aproveitar a noite de San Xoán, un dos días máis sinalados do calendario coruñés, para amosar a súa segunda equipación para a vindeira tempada, bautizada como Noite Meiga. Así, o conxunto coruñés fai alusión a varios seres da mitoloxía galega, coma as meigas e os trasgos, e agarda que «nesta Noite Meiga, o lume bote todo o mal fora, e que nos leve pronto de volta», como proclaman dous dos participantes no vídeo promocional.
Con respecto ás cores elixidas, a segunda camisola do Dépor para a tempada 2018-19 é de cor vermella practicamente na súa totalidade, a excepción dalgúns detalles en branco nas mangas e no colo. Ademais, na camisola distínguense dous tons de vermello diferente, un deles máis escuro, que simboliza as lapas de lume tan características do San Xoán. Na parte de atrás, debaixo do dorsal, hai un detalle máis: as espiñas dunha sardiña formadas por varios edificios emblemáticos da cidade herculina.
O Dépor presentou a equipación, en primeiro lugar, cun vídeo no que aparecen varios afeccionados deportivistas que, ataviados coa nova camisola, pregoan un conxuro á calor dunha fogueira, desexando que esta campaña no inferno de Segunda sexa o punto de inflexión para volver a Primeira. Ademais fixo unha presentación pública durante a mesa noita de San Xoán, a cargo de Xosé Antonio Touriñán. En dita presentación tamén se deu a coñecer o autobús do Deportivo para a vindeira tempada.