Os abonados que queiran participar só teñen que subir a Twitter unha foto do seu carné de socio, mencionando a @casteloson e @riazororg antes do luns día 19. No festival, que se celebra o 23 de agosto en Culleredo, actuarán Heredeiros da Crus, Zënzar, Skarallaos e Pito de Pikasso.
Colas en Riazor, máis de mil carnés despachados nun só día, constantes mensaxes de apoio ao Deportivo… Airapro e o festival Castelo Son queren premiar o compromiso e a entrega que a afición blanquiazul está a demostrar estes días co seu equipo convidando aos socios do clube ao festival que terá lugar o vindeiro 23 de agosto en Castelo (Culleredo), e no que tocarán os grupos Heredeiros da Crus, Zënzar, Skarallaos e Pito de Pikasso.
O sorteo organízase a través da rede social Twitter e coa colaboración de Riazor.org, o portal especializado máis seguido entre os seguidores do Deportivo. Para participar, só é preciso publicar en Twitter unha fotografía do carné de socio para a temporada 2013-2014 na que se vexa claramente o nome e apelidos do abonado. Ademais, o mesmo chío da imaxe debe mencionar as contas de @casteloson e @riazororg.
O prazo para subir as imaxes rematará o domingo 18 de agosto pola noite, e o luns ao mediodía Riazor.org anunciará o nome dos gañadores das entradas logo dun sorteo virtual que poderá seguirse pola rede.
O Castelo Son
O Festival Castelo Son celebra este ano a súa quinta edición co que é sen dúbida o mellor cartel da súa historia: os míticos Heredeiros da Crus e o seu rock gamberro e irreverente; Zënzar, pioneiros do rock en galego e que este ano celebran 25 anos nos escenarios; Skarallaos coa súa festa e bo rollo habituais. As entradas para o festival xa están á venda, por un prezo de 10 euros, tanto por internet a través da Airapro Tenda e Ticketmaster, como en varios bares e locais da comarca (A Boa Estrela en Carral, Pinturas Senave na Coruña, Cervexería S-11 no Burgo, etc.). O prezo en taquilla será de 15 euros. Será o vindeiro venres 23 de agosto a partir das 21:00 na parroquia cullerdense de Castelo, aos pés do monte Xalo.
Ademais da mellor música do país, o Castelo Son ofrece servizos como acampada gratis, pista cuberta e prezos populares nas bebidas (cañas a 1,50, cubatas a 3,50).
Máis información sobre o festival na súa web, www.casteloson.com, ou en facebook.com/casteloson e twitter.com/casteloson