A Coruña manifestouse onte contra o sobresemento do caso Jimmy, declarado o pasado 27 de xuño polo Juzgado de Instrucción Número 20 de Madrid, alegando á imposibilidade de identificar aos responsables da morte do aficionado deportivista, finado en novembre de 2014. Xa transcurriron máis de tres anos e medio dende o seu asasinato e os avances na investigación foron mínimos, feito que levou ao xuíz a pechalo por segunda vez (pois xa o fixera, de xeito parcial, no 2016).
Ante a decepción e a indignación da afección herculina, os Riazor Blues decidiron convocar unha manifestación para protestar contra o sobresemento do caso. En palabras da agrupación deportivista, este «culmina un proceso marcado polos repetidos desprezos dende as institucións xudiciais», e asegura que nunca existiu «un interese real en identificar e condenar ós culpábeis do crime».
Así, os Blues denominan o proceso xudicial como «farsa», e critican tanto «os cambios constantes no xuíz encargado no caso» coma «a denegación dos testemuños das persoas implicadas». Con respecto ao vídeo, o auto publicado explica que a baixa calidade da gravación impide facer «un estudio fisonómico» que permita recoñecer ao asasino, mentres que a denegación dos testemuños débese a que o xuíz considerou que o coimputado carece de credibilidade. Os Riazor Blues tamén aluden á campaña realizada polos medios de comunicación, que, segundo o seu comunicado, difundiron «datos persoais de Jimmy e os seus antecedentes, co único obxectivo de degradar e humillar a súa imaxe».
A agrupación deportivista pechaba o seu comunicado coa convocatoria da manifestación, que congregou a varios afeccionados blanquiazuis que saíron á rúa para pedir xustiza para Jimmy. A Praza de Pontevedra foi o punto de encontro para todos aqueles que quixeron unirse para protestar contra o peche do caso, que deixa o crime sen culpables.