Achégase o 8 de marzo, día da muller traballadora, e dende Riazor Blues non queren deixar pasar a ocasión de reivindicar «a igualdade no ámbito do deporte, un dos espazos onde as mulleres continúan a sufrir unha evidente discriminación». Por iso, convocan as «Xornadas da Muller no Deporte«, para, entre outras cousas, analizar a realidade a través de varias testemuñas.
En primeiro lugar, este xoves 28 de febreiro levarase a cabo a conferencia «O deporte feminino nos medios«, onde intervirán Cristina López Villar, profesora de INEF na UDC, e Olalla Rodil, redactora de Sermos Galiza. Dende as súas propias vivencias persoais, Cristina e Olalla intentarán achegar algo de luz acerca do papel das mulleres nos medios. A cita terá lugar a partir das 20 horas na Asociación Deportiva «O Chicho», ubicada na rúa Almirante Cadarso 2 (moi preto do Estadio de Riazor).
Dúas semanas máis tarde, xa no mes de marzo, e en concreto o día 15, haberá oco para o fútbol feminino. Coa futbolista do Deportivo ABANCA Miriam Ríos como convidada, tratarán de abordar os obstáculos e as dificultades que se atopan as nenas futbolistas no seu camiño por gozar dunha paixón.
Xa para rematar, a última cita das xornadas, está prevista para a tarde do 28 de marzo. Co título «Deportista e muller», e con ata cinco protagonistas como son Verónica Vázquez Penas (Fillas de Breogán), Mary Xeli e Ichi The Killer (As Brigantias), Eliana Vera (H.C. Liceo) e Marisela González (C.B. Allariz), tentarán abordar o papel da muller no baloncesto ou no hóckey sobre patíns, entre outros.
Unha semana para o inicio das xornadas 'A muller no deporte'.
Na primeira palestra contaremos coa participación de Cristina López e Olalla Rodil, que analizarán as desigualdades no deporte feminino e como contribúen os medios de comunicación a manter esa discriminación. pic.twitter.com/px7BjZYpCN
— Riazor Blues (@RB1987Oficial) 21 de febrero de 2019