Uxío da Pena, dianteiro do Fabril, atendeu aos compañeiros de Galicia en Goles tras o partido ante o Extramadura, que serviu para poñerlle o punto final á fantástica tempada do filial deportivista. Pese á eliminación, o punta explicou que o equipo remata o ano «coa cabeza moi alta» porque competiu «todo o partido, toda a eliminatoria e toda a Liga».
O lucense describiu o enfrontamento de onte coma un partido «para intelixentes». As expulsións, de Luis Fernández primeiro e de Lolo Pardo despois, debuxaron diferentes dinámicas no transcurso do encontro. «Tes que variar moito, adaptarte a situacións do partido. A lectura do corpo técnico e dos meus compañeiros foi estupenda», asegurou. O Fabril, que viña de caer por 2-1 en Almendralejo, viuse de novo por debaixo no marcador aos cinco minutos, pero soubo reaccionar e igualar a eliminatoria antes de que se cumprise a media hora. Na opinión de Uxío, o Fabril amosou que é un equipo «gañador» e «competitivo». «Estou moi orgulloso do meu equipo», sentenciou.
Con respecto ás xogadas polémicas, Uxío descartou responsabilizar ao árbitro da eliminación, e sinalou que, dende o seu punto de vista, estivo «moi ben, á altura da eliminatoria». «É complicado expulsar a un xogador no minuto trinta, pero ten toda a razón, está ben expulsado. Non temos que dicirlle nada», comentou en referencia á vermella a Luis Fernández. Tamén saiu en defensa de Álex Cobo, que cometeu un erro no derradeiro gol do Extremadura. «Estamos en Segunda B grazas a él. É un compañeiro que tería sempre no vestiario», afirmou, e deixou claro que o porteiro ten todo o apoio dos compañeiros.
Pese á sobresaínte tempada do Fabril, que hai apenas un ano estaba xogando en Terceira División, a derrota ante o Extremadura deixa mal sabor de boca. Uxío admitiu que, co 3-1, o club tiña «a sensación» de telo prácticamente feito, pero o segundo gol do conxunto visitante foi un xarro de auga fría para os coruñeses, que aínda que tiveron un par de ocasións para anotar o cuarto tanto, non foron capaces de facelo. Deste xeito, Da Pena destacou a «coraxe e valentía» do Fabril, que na súa opinión, reflicten «a gradeza do equipo» e serviron para darlle «unha alegría» a unha afección que sufriu durante toda a tempada debido á deriva do primeiro equipo.
Por último, Uxío manifestou o seu desexo de que o filial sexa capaz de manter este grupo. «O club fixo moi ben a xestión de facer un Fabril cunha plantilla tan competitiva e gañadora, pero con persoas», explicou. Así, comentou que do mesmo xeito que entende que «se algún xogador ten un proxecto doutra categoría, que o colla», afirmou que agarda que o Dépor lles dé «a oportunidade de seguir con este grupo». «As caras novas serán benvidas, pero que siga con esta liña», opinou.