Sobre o mesmo céspede do estadio de Riazor que aquel 22 de maio fora testemuña do seu Gol, o exdeportivista Vicente Celeiro atendeu hoxe aos medios de comunicación. Nun acto que serviu para presentar a longametraxe documental ‘Dépor 88’, o vilalbés recordou con emoción aqueles días. Recoñeceu que aínda hoxe hai quen llo repite pola rúa. «A verdade é que non creo que estivese tanta xente aquel día no estadio, non o lembro tan cheo, pero moitísima xente me recorda, me agradece aínda o gol. É curioso. As persoas de certa idade aínda o lembran. Practicamente coma min: onde estaba, como era, e todo coma aquel día».
Pero como foron aqueles momentos? Como os lembra o autor daquel tanto histórico? «É todo tan rápido, son segundos, nese momento e nesas circunstancias non te pos a pensar. Fíxate que estábamos pedíndolle ó porteiro que por favor nos deixara meter un gol. Rogándolle. Iso é impensable e é unha auténtica chorrada. En quente é todo moi rápido, coma o fútbol de agora». Hai xogadas que deciden traxectorias. Non no caso de Vicente. «A min persoalmente non creo que me marcase a miña posterior carreira. O que pasa que ese gol dou continuidade a que o Deportivo estivese en Segunda, a comezar de novo e intentar de novo ascender a Primeira División».
O dianteiro, natural da provincia de Lugo, explicou tamén con que fantaseaba el naquela época. «Eu teño que recoñecer que o meu soño non foi meter este gol, o meu soño sempre foi meter o gol que supuxuse o ascenso a Primeira. En serio que o soñei. Porque os que eramos canteiráns, as nosas expectativas, as nosas aspiracións tampouco eran xogar no Madrid nin no Barcelona nin con Messi. Pero si que o meu soño e o de tódolos canteiráns era subir algún día a Primeira co Deportivo«.
Temporada atípica por tódalas situacións que se deron, Vicente aseverou que «a palabra complicada é moi suave» para definila. «Eu creo que non era complicada, era caótica. Creo que non se pode empezar peor unha pretemporada, con un falecemento, co mellor xogador abucheado pola afección na presentación. E todo ven así encadeado: empezas coa dinámica negativa e chegas con vida ata o último partido, o último minuto e fóra do tempo reglamentario. É o comezo máis caótico que se pode facer, pero o final máis feliz que pode acontecer«.
Con todo, tamén houbo tempo para referirse á situación actual, co descenso na retina. «A explicación é máis fácil de dicir que de pensar. Eu sempre dixen que os xogadores do Deportivo, individualmente, me parecían moi bos. Tanto defensivamente, mediocampo, ataque… Pero o fútbol é así. Entras nunha inercia, nunha dinámica negativa, e te ves envolto en estar abaixo, non saes, quedas descolgado… E é curioso porque mellor plantilla que outros equipos ten, o que pasa é que haino que plasmar. Posiblemente, co presuposto que tiña o Dépor, e se fose o director deportivo, non podería mellorar o equipo. Pero o fútbol desenrólase así. Na última xornada os 3 últimos son os que merecen descender, igual que o campión ó longo da liga é o merecedor do campionato. Os tres que descenden, por algo será e por algo é«.
A miúdo, sinálase ó corpo técnico como o principal culpable dun descenso. No que ó Deportivo se refire, Celeiro non o considera así. «É difícil de explicar. Eu sempre digo a palabra inercia e dinámica negativa. Os adestradores non se sabe nunca. Posiblemente, se lles dás continuidade aos primeiros o desenrolo sería o mesmo. Nunca se sabe. Sempre se cesa ao adestrador e seguirase facendo. É inevitable».
Xusto un día despois de que se desen a coñecer as primeiras pedras do novo proxecto, Vicente amosouse convencida. «Seguro que van ascender, e que se manteñen o bloque da maioría de xogadores, seguro que o Deportivo ascende o ano que ven». En verbas do exfutbolista, «hai que ser optimistas. O Deportivo sempre é aspirante, é un equipo de Primeira. Debería ser candidato ó ascenso o ano que ven. Quede quen quede. O nome do Deportivo significa Primeira División. Os meus consellos son acertar nas fichaxes e no adestrador, e un pouquiño de continuidade e paciencia tamén se require ás veces en algúns momentos», concluíu.