A previa do Deportivo – Eibar terá un compoñente especial co concerto sorpresa preparado para reivindicar que ‘O Dépor é da Coruña’. Unha iniciativa posta en marcha polos alumnos do IES Rafael Diesta e que segue gañando apoio entre a afección branquiazul. A principal intención, máis aló da reivindicación do galego, pasa por promover o cambio no topónimo do club e a súa adaptación á oficialidade, eliminando o ‘L’ do nome da cidade para que sexa simplemente A Coruña.
Nun comezo a idea era que esta actividade puidese levarse a cabo o pasado 25 de xaneiro, pero o mal tempo impediuno até agora, cando se recuperará o sábado 21 de febreiro ás 15:00 horas. Será así unha hora e cuarto antes do pitido inicial do árbitro nun partido importante para o equipo despois da derrota contra o Castellón a pasada semana en Castalia. Unha media hora antes comezarán co reparto de 10.000 colantes para promocionar a campaña, facendo en total corenta mil cos que xa se entregaron en ocasións anteriores.
120 aniversario e máis de 40 anos de normalización lingüística
A iniciativa lembra que o vindeiro curso o Deportivo celebrará o seu 120 aniversario, mentres que a Lei de normalización lingüística leva máis de catro décadas en vigor. Neste marco, todos os institutos públicos da Coruña asinaron recentemente un manifesto conxunto animando á dirección do club a dar este paso.
Desde Aquí Tamén Se Fala definen a convocatoria como unha acción aberta, festiva e reivindicativa, co obxectivo de que a mensaxe chegue tanto á directiva como ao conxunto do deportivismo. “O Dépor é da Coruña”, insisten, animando á masa social a achegarse á porta 4 e participar nun acto que pretende converter a previa do encontro ante o Racing nun novo espazo de expresión colectiva. A organización pecha o chamamento cun aviso claro: “Vide, que a festa vai ser grande”.
