Cada semana contamos coa firma de Yago Iglesias na previa dos partidos. O extécnico da SD Compostela é o encargado de analizar ao rivais do Deportivo para riazor.org. Nesta décima entrega é o turno do Zamora. O Deportivo recibe ao equipo castelán-leonés este sábado (17h).
Contextualización
Esta fin de semana vai haber un duelo de vellos coñecidos. Vellos coñecidos porque o ano pasado xa se enfrontaron na antiga Segunda B, aínda que, evidentemente, este ano o Dépor non ten nada que ver. Así pois, atopámosnos cun Zamora que ven nos postos máis baixos da clasificación. Esta temporada estalle custando un pouco máis e é un dos equipos chamados a estar pelexando pola salvación. Iso si, veñen de conseguir unha vitoria contra o Calahorra na casa e iso deulles un saltiño na clasificación e xa ven moi cerquiña os postos de permanencia.
Agora mesmo teñen 7 puntos e o Talavera, que é o primeiro que se salvaría da queima, conta con 9; o cal fai que se manteñan aí pegados, coas esperanzas e ilusións de que unha vitoria lles permita saír deses postos e seguramente revertir a situación. O equipo castelán-leonés viña dunha mala dinámica e ese partido contra o Calahorra pode ser o que lle dé ese golpe de moral para empezar a mirar cara arriba.
Por outro lado, o Deportivo ven de empatar contra o Racing de Santander, o outro candidato ao primeiro posto. E agora volve a Riazor, onde é inexpugnable e, a priori, pois ten todas as papeletas para facerse cos 3 puntos. Pero ollo, que agora imos explicar o modelo de xogo do Zamora; cambiou con respecto ao ano pasado.

Idea de xogo colectiva
O ano pasado, o Zamora era un equipo que tiña moita continuidade de xogadores despois do ascenso de Terceira División, tiña un modelo de xogo moi asumido e foi un dos equipos revelación do campionato. Primeiro, polos puntos e a clasificación que conseguiu e, segundo, por como o facía. Era un equipo que manexaba distintos rexistros, era capaz de levar a iniciativa a través do xogo combinativo, pero tamén era capaz de xogar ao contraataque. E, despois, sobre todo, caracterizábase e caracterízase por ser un equipo camaleónico en canto aos posicionamentos no campo.
Aí, o seu adestrador, David Movilla, dalle moita importancia a contrarrestar os sistemas rivais e sempre é unha caixa de sorpresas porque é capaz de, semana tras semana, variar. Sen ir máis lonxe, este último partido que lle gañan ao Calahorra xoga co seu habitual 1-4-4-2 en rombo que xa utilizaba o ano pasado, pero cun perfil de xogo máis vertical, con poucos pases, levando o balón rápido a campo rival e a partir de aí vivindo moito dos desmarques de rutura tanto de Adri Herrera como de Diego Hernández. Son os principais referentes deste equipo.

Porén, a fin de semana anterior, contra a SD Logroñés fóra da casa, plantase cun 1-5-3-2, con intención de facer xogo directo, pero priorizando ser capaces de non recibir gol, poboando a liña defensiva. É probable que contra o Dépor volva repetir con este posicionamento, pero ao longo do partido, en función das cousas que vaian pasando, ten capacidade para xogar cun punta, para xogar con dous, para xogar en liña de 5, incluso por momentos intentar quitarlle o balón ao rival… Digamos que esta fin de semana é difícil descifrar para o Deportivo a intencionalidade coa que vai vir o Zamora.
Eu aventúrome a dicir que vai vir protexerse, intentando non encaixar gol e, a partir de aí, coller nunha transición ao Deportivo. Aínda que tamén creo que é un equipo que vai vir á Coruña a facer un posicionamento avanzado, a intentar que o Deportivo non inicie o xogo con facilidade, facer unha presión avanzada e, por momentos, ir manexando tanto o posicionamento avanzado como o pregado.
Xogadores destacados
Na liña defensiva vou destacar a Íñigo Piña, que continúa do curso pasado, e a Carlos Cordero, que é unha incorporación deste ano e é un central con experiencia. Son os piares tanto nese xogo defensivo como no inicio.
No mediocampo creo que hai 3 futbolistas que son fundamentais: Carlos Ramos, capitán, un xogador diferencial na categoría, xa o era o ano pasado e este ségueo sendo. Juanan, un mediocentro un pouquiño máis posicional, e Javi Navas, que se adaptou ás mil marabillas a ese sistema 1-4-4-2 en rombo.
Por último, arriba, hai varios xogadores que está manexando á perfeción David Movilla en función de se quere xogar con extremos, se quere xogar con puntas… Son Mario Losada, Kepa Vieites e Baselga. Os tres posúen moitísima calidade, son rápidos, teñen bo 1 para 1, van ben no xogo directo, e poden facer moito dano ás costas da liña defensiva do Deportivo.
Conclusión
Polo tanto, creo que imos ver un partido esta fin de semana no que a clasificación vai quedar nun segundo plano. Considero que o Zamora é un equipo con moitos recursos tácticos, pero evidentemente ven lastrado por esa posición na táboa. Entón, pode ser que ese momento no que veñen, aínda que me parece que é un partido no que non teñen absolutamente nada que perder, teña influencia no plan estratéxico de David Movilla.