O uso do topónimo oficial da Coruña é un dos debates habituais entre os seguidores do Deportivo, que en varias ocasións pediron ao club que cambiase o seu nome polo que é oficial. Unha petición que se repite agora como parte da campaña ‘Aquí tamén se fala!’ promovida polo IES Rafael Dieste de cara á proxima tempada, a 2025-26, na que a entidad branquiazul celebrará o seu 120 aniversario.
«Superando a longa noite de pedra, outras institucións e clubs deportivos restituíron con dignidade e orgullo histórico os seus topónimos oficiais e patrimoniais. Deixar pasar esta eiva ten consecuencias que xeran disonancia e confusión na íntima relación do club e a cidade, pois é imposible pensar na Coruña sen o RC Deportivo, nin o Dépor sen A Coruña», explican a través dun comunicado.
Como parte de esta iniciativa repartiranse 15.000 adhesivos co slogan ‘O Dépor é da Coruña’ nas inmediacións do estadio de Riazor na previa do partido ante o Cádiz deste domingo. Unha forma de chegar aos miles de deportivistas que cada xornada visitan o campo para alentar ao equipo.
Álex Bergantiños e Dani Mallo, entre os asinantes
Varias persoas quixeron formar parte desta iniciativa como asinantes para amosar o seu apoio a este cambio na nomenclatura do Dépor. Algúns deles tan recoñecidos como os exfutbolistas Álex Bergantiños e Dani Mallo, o presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, ou a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez. Tamén figuras da política como Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo da Coruña, ou Valentín García, secretario xeral da Lingua da Xunta de Galicia.
A campaña creou tamén unha páxina web (aquitamensefala.gal), mentres a plataforma estudantil anima a quen queira apoiar esta nova iniciativa a etiquetar as contas de Aquí tamén se fala nas redes sociais (@aquitamensefala), así como a empregar o cancelo #odéporédacoruña.
