Óscar Gilsanz repasou o estado físico do Deportivo a uns días de recibir en Riazor ao Sporting de Xixón. O técnico branquiazul conta con varias recuperacións, pero tamén con xogadores que estarán en dúbida ata o último momento. Un deles é Yeremay, do que descartou calquera tipo de lesión no xeonllo e incluso non apura a descartalo para este domingo:
Situación da enfermería
«É posible que recuperemos xente, polo menos aos que van adestrando con normalidade. Estamos pendentes da evolución dos que van máis xustos. Yeremay ten unhas molestias, pero vai evolucionando ben, a ver como adestra hoxe e mañá. Non hai lesión grave e é posible incluso que chegue para domingo. Lucas e Mella están entrando nos adestramentos e hai que valorar. Será importante para ver se están para xogar e se están para máis ou menos minutos. Barcia ten unhas molestias no cuadríceps que non lle impediron xogar o outro día, pero por precaución estivo con adestramento de fisioterapia e traballo no ximnasio, teno máis complicado».
Moitas dúbidas no plan de partido
«Na nosa maneira de traballar, sempre preparamos os partidos con todos os xogadores que están dispoñibles para que todos estean preparados, independentemente de que pensemos nun once ou noutro. Porque podes preparar unha semana cun equipo e que nos últimos días haxa lesións. Preparamos a todos como se foran xogar todos de inicio».
Sporting
«Está dando moi bo rendemento. Un equipo agresivo na presión e que pode cambiar de estrutura durante os partidos. A presencia de Olaetxea, que xa o facía no Albacete, permítelle pasar a defensa de cinco segundo as necesidades. É un equipo moi dinámico e agresivo cara adiante, con xogadores moi profundos que aproveitan moi ben os espazos, con moita calidade por dentro tamén e bos pasadores».
Ambientazo en Riazor
«Estes partidos son sempre unha boa nova en canto a expectación, o ambiente que se respira, a proximidade que temos con Xixón que fai sempre sexan desprazamentos multitudinarios e bonitos para o fútbol. Para nós o ambiente en Riazor sempre é espectacular. Sabemos de sobra que temos a mellor afición da categoría, que os partidos na casa sempre os esperamos con moitas gañas por ese plus de tratar de facer gozar á nosa xente. Temos que facer de Riazor un campo difícil para os rivais».
Mario Soriano, mediocentro
«Mario é un xogador que na súa traxectoria no Dépor xa dende hai uns anos, móvese moi ben entre liñas. Ben desde a posición de 8, na que nos achega saída de balón e claridade de inicio, ben máis tirado á esquerda como xa fixo este ano tamén algunha vez, indo cara a dentro. Ten moita claridade con balón, moita intelixencia táctica e último pase que pode achegar dende moitas posicións».
