Conversas cuánticas son unha serie de entrevistas ficticias a personaxes que, segundo o subxectivo e ás veces extravagante criterio do autor, resultaron relevantes na historia do Real Club Deportivo. O autor asume a responsabilidade de calquera erro histórico que poida producirse, voluntario ou non, de ningún xeito imputábel ás fontes consultadas. Pasen e lean!
Nesta segunda viaxe a CEDIS lévanos até finais de abril de 1924. Saímos dos baixos do quiosco de música dos Cantóns e nos diriximos cara ao corazón da cidade. É unha tarde luminosa, aínda que un bocado desapracíbel. As nubes corrican polo ceo igual que ovellas asustadas polo lobo. Moreas de persoas ateigan as rúas, deténdose de cando en vez para armar grupos que departen en ruidosas conversas. Silandeiros, avanzamos até a rúa Olmos. Unha vez alí localizamos a tasca onde imos facer a entrevista.
Ten o seu nome escrito en letras vermellas nun cartel sobre a porta. Entramos e batemos cunha marfallada de homes, a maioría a xogar ás cartas e a barullar despreocupados. Apoiámonos na barra e chamamos a atención do taberneiro. Estamos aínda un chisco mareados pola viaxe, polo que pedimos senllos vasos de auga. O home fítanos de arriba a baixo, moi serio, e despois marcha farfallando algo entre os dentes. Procuramos entre a parroquia a persoa da foto que tantas veces examinaramos antes de partir, mais non a atopamos.
Supoñendo que aínda non chegou á nosa cita, decidimos agardar. Un cuarto de hora máis tarde entra na taberna un home novo, vestido de xeito elegante. É alto e peitea o pelo escuro cara atrás con brillantina. Recoñecemos de inmediato a Luis Otero, xogador internacional do Real Club Deportivo. Albíscanos desde a porta e dirixe cara a nós os seus pasos. Trae a faciana seria. Mesmo un aceno agre semella revirarlle a boca.
Despois de xurarlle varias veces que non estamos na nómina de ningún xornal de Vigo, relaxa o rostro. A continuación pídelle ao malencarado taberneiro un vaso de viño Sansón, sentamos nunha mesa situada no fondo do establecemento e comezamos a entrevista.
A primeira cuestión é case obrigada. Supoñemos que estará desexando volver a un terreo de xogo, non si?
Pois si, xa vai tocando. Levo máis de seis meses sen poder xogar. Adestrar de cando en vez está ben, mais as persoas que nos dedicamos a isto precisamos a competición.
Como se definiría Luis Otero como xogador?
Percibimos certo arroibo na súa faciana e un primeiro sorriso na boca.
Ben, dáme un pouco de vergoña falar de min mesmo. Nos equipos onde estiven sempre xoguei de back dereito, e confío en continuar facéndoo tamén aquí na Coruña. Vou bastante ben de cabeza, de técnica tampouco ando mal e trato de non perder nunca a posición. Ademais, se atendemos ao que adoitan dicir os seareiros, son un xogador que se caracteriza pola súa deportividade e afouteza.
Fálenos dos seus comezos. Como lle deu pola tolemia do fútbol?
Como xa saberán, eu son pontevedrés. Alí, na “Boa Vila”, comecei a xogar no Pontevedra Sporting Club, un dos primeiros equipos da cidade. Eu non era máis que un raparigo de dezaseis anos. O club contaba cunha sección para menores de dezaoito bastante activa. Un día probei, gustoume, e xa nunca máis puiden parar de darlle couces á pelota. Iso debeu de ser alá polo 1909. Un par de anos despois fichei polo Vigo Sporting, onde xoguei durante anos até a súa fusión co Fortuna.
Unha andaina en Vigo que resultou proveitosa.
Resultou, abofé. Non me podo queixar de como me foron as cousas aló. Fun catro veces campión galego, en 1914, 1919, 1920 e mais o pasado ano. Tiñamos un moi bo equipo, con xente nobre que levabamos anos xogando xuntos e nos coñeciamos ben. Mais que compañeiros eramos amigos.
Eses éxitos e o seu bo facer fixeron que fose seleccionado para participar nos Xogos Olímpicos de 1920 en Antuerpen. Como viviu aquilo?
Os ollos de Otero comezan a brillar.
Poden imaxinar. Unha alegría inmensa. Eu nunca viaxara moito e, de súpeto, alí estaba, nun país estraño arrodeado de xente procedente de todo o mundo. No eido persoal foi a experiencia máis intensa que endexamais vivín. E no deportivo a cousa tampouco foi mal. Debutei o 28 de agosto, na fase previa. Enfrontámonos a Dinamarca no estadio La Butte, en Bruxelas, gañando por 0 a 1. Despois de perder contra os anfitrións nos cuartos de final, xoguei tamén a segunda rolda do torneo de consolación ante Italia, á que lle gañamos por 0 a 2, obtendo a medalla de prata. Teño a honra de ser o primeiro galego en xogar ao football nuns Xogos Olímpicos, o que non está mal.
Pensa que pode volver a ser seleccionado?
Para iso preciso xogar e, afortunadamente, vou poder facelo de novo en breve. Espero que toda esta lea na que estou inmerso non inflúa nesa decisión.
Falemos pois desa lea. Interésanos o seu punto de vista: que aconteceu?
A cousa pode semellar complexa, mais é ben sinxela. Eu fun xogador do Vigo Sporting durante catorce tempadas. O pasado ano, tras múltiples conversas, a directiva decidiu fusionarse co noso rival na cidade, o Fortuna, para crear o Celta de Vigo. Eu non estaba de acordo con esa fusión, así que cando no Deportivo me ofreceron a posibilidade de xogar con eles, collín o macuto e me mudei á Coruña. Canda min viñeron o porteiro Isidro, o dianteiro Ramón González Figueroa e mais o medio Chiarroni. Isto, por suposto, non sentou moi ben á directiva…
Mais chegou a vestir as cores da nova entidade?
Cheguei. Antes de marchar vestín a camisola do Celta no match de presentación oficial no campo de Coia. Enfrontáronse dous equipos da propia entidade, un capitaneado por Juanito Clemente e outro por min mesmo. Despois daquilo xoguei tamén un par de amigábeis máis, un contra o Boavista portugués e outro contra un equipo polaco ao que non lle lembro o nome.
E daquela veu o castigo…
A conmoción en Vigo foi enorme. Con dicirlle que os clientes deixaron de comprar no ultramarinos que a miña familia ten na cidade, xa lle digo todo! A miña marcha tentou ser detida desde instancias federativas ao pedir o Celta a suspensión do Deportivo por suborno, o que me impediu xogar durante todos estes meses. Afortunadamente a cousa xa está solucionada, e o vindeiro 2 de maio poderei debutar en Riazor ante Uruguai, nin máis nin menos.
E xa para finalizar, onde se ve Luis Otero unha vez finalizada a súa vida deportiva?
Ergue a cabeza e observa o rebumbio da taberna chea de xente.
Non o sei aínda con seguridade. O football nunca me deu moito diñeiro, pois sempre tiven soldos máis ben cativos. Se cadra nun sitio coma este. Cos aforriños que teño gustaríame montar un bar aquí na Coruña. Gusto de falar coa xente, de toda esta… alegría. Coido que sería un bo taberneiro.