A unhas horas de volver a Riazor, Álvaro Lemos pasou por RiazorTV para falar da súa traxectoria no fútbol que ahora o levou ao Real Oviedo, do seu tempo na canteira do Deportivo e tamén de Mfulu, co que compartiu vestiario na UD Las Palmas e para o que non puido ter palabras mellores:
Inicio difícil con aquela lesión de xeonllo
«Tanto no final de tempada co ascenso do Dépor, que me recuperei e xoguei un par de partidos co Fabril, como o ano seguinte cedido no Compos, foi a peor etapa. O xeonllo non evolucionaba, non era capaz de facer unha semana de adestramentos sen molestias e incluso pensei en deixalo. Inflamábaseme o xeonllo, facíanme artroscopias e non me vían nada… pero volvía a adestrar e de novo con molestias. Fun ver outros médicos, recupereime en Madrid e dende entón empecei a traballar ben e aos anos seguintes non volvín a ter problemas».
Boa xeración no Fabril
«Nese Fabril tiña compañeiros cos que desfrutei moito xogando. Había moito nivel. Incluso cos que non chegaron ao fútbol profesional, había moitísima calidade. Había un gran potencial».
Volver a Riazor
«Para min sempre vai ser especial. Ao final foi moito tempo o que botei nesa canteira. Cando fun con Las Palmas aí, foi un partido especial. O Dépor neste caso, despois de estar tanto tempo aí… ver a xente que vai ao estadio, sigo ao Dépor e o fútbol galego moito, a afección empuxa e son partidos que gusta xogar».
Como ve a chegada de Mfulu
«Teño moi boa relación con el. Facíamos moita vida xuntos coas nosas familias. Nese tempo que non botas adestrando ou xogando, teste que apoiar en xente, en amigos. E con eles fixemos moi boa amizade. Deportivamente é un acerto. É un xogador moi completo, ten esa capacidade para abarbar moito no mediocampo. E ademais con bo toque de balón e sempre ben colocado, sempre cubrindo moito terreo. Necesita coller esa confianza e xogar, porque leva tempo sen minutos e cando non temos minutos, calquera, cústanos. Pero como teña un mínimo de confianza, é un futbolista que me gusta para calquera equipo porque é un cumpridor nato. A nivel persoal é unha desas persoas que queres para ter na túa vida, que desexas ter ao teu lado. Dentro do vestiario exercía de capitán aínda que nos primeiros anos non o era».