Cada semana contamos coa firma de Yago Iglesias na previa dos partidos. O extécnico da SD Compostela é o encargado de analizar ao rivais do Deportivo para riazor.org. Nesta undécima entrega é o turno da UD Logroñés. O Deportivo visita Las Gaunas este domingo (17h).
Contextualización
O UD Logroñés chega como cuarto clasificado, cos mesmos puntos que Deportivo, Racing e Unionistas. E ven en liña ascendente, despois de gañar no sempre difícil campo de Barreiro contra o Celta B. Nun partido no que tiveron ocasións claras, pero onde non foron capaces, ata o desconto, no 94′, de facer o gol da vitoria. Agora volven á súa casa, a Las Gaunas, onde só perderon un partido, contra a SD Logroñés. Os números din que é un equipo moi forte como local. Non hai que esquecer que alí perdeu tamén o Racing de Santander.
Idea de xogo colectiva
É un equipo que, sobre todo na casa, basa a súa faceta ofensiva nun modelo de xogo combinativo, sen unha idea moi pechada. Por que? Porque é un equipo moi camaleónico, que se pode adaptar, que non insiste única e exclusivamente nos inicios en curto ou con moitos pases; senón que tamén alterna moito xogo directo sobre Duba, que é o seu referente. E sobre Iñaki e Alfaro, que son os seus xogadores de banda. Dentro da súa idea ofensiva, é un equipo que intenta chegar a campo rival en poucos pases. Xogo combinativo, pero vertical, e sempre priorizando xogar en campo rival.

En canto ao modelo de xogo defensivo, é un equipo que nesa fase opta por dous posicionamentos: avanzado nun 1-4-4-2 e, sobre todo, nos inicios de xogo de rival, un máis conservador durante moitos momentos de partido, en pregado, coa mesma estrutura. Que buscan aí? Facerse fortes no mediocampo para roubar e a partir de aí contraatacar. É un equipo perigoso nesta última faceta, porque ten xogadores por dentro de moi bo último pase, como Guarrotxena, e bos centradores como Iñaki e Alfaro.
Xogadores destacados
Individualmente, imos analizar ao equipo en base a un once que foi repetido nas xornadas 8 e 10, é dicir, nas dúas últimas de fóra da casa. Así pois, destaco aos seguintes xogadores:
– Na portería, Jon Ander Serantes. Moitísima experiencia en categorías superiores, está cumprindo cunha nota moi alta, dándolle moita seguridade ao equipo.
– Na liña defensiva, dous xogadores moi completos, os dous laterais: Tekio na dereita e López na esquerda.
– Na liña de medios, Javi Castellano, Alfaro e Iñaki. Alfaro, na banda dereita, máis vertical, con boa chegada a liña de fondo. Iñaki Sáenz, na esquerda, un xogador veterán que a temporada pasada en Segunda xogou moito de lateral, pero que ao mellor fisicamente non ten esa capacidade para duelos de 1 contra 1. Posúe unha capacidade técnica moi alta: para asociarse, para sacar centros desde case calquera zona do campo… E todas as accións a balón parado saen das súas botas.
– Para min, os 2 xogadores máis destacados deste equipo están no último terzo de ataque:
Guarrotxena, mediapunta, xogando sempre por detrás do dianteiro. Con moita mobilidade, todo o que pasa polas súas botas xera perigo para os rivais. É un futbolista moi a ter en conta por parte do Deportivo esta fin de semana. Se lle deixas liberdade, pode causar moitos problemas.
E Dubasin, unha das grandes revelacións deste inicio. Un dianteiro que está amosando moitas cualidades máis alá de ser só un xogador con presenza física para o xogo directo. Asóciase ben, ataca ben a área, é habilidoso e ten boa técnica.
A todos estes nomes, hai que engadir os de Borja Galán, un vello coñecido da parroquia deportivista, David Ramos… Entre eles van estar repartidas as posicións do mediocampo. Cinco homes para tres posicións. Son futbolistas de moito nivel para a categoría.
Conclusión
O UD Logroñés é un equipo que ven de estar no fútbol profesional e que busca volver o antes posible. Creo que imos ver un partido moi igualado, moi parecido ao de Santander (para o Deportivo). Con dous conxuntos que están no máis alto da táboa. Imos ver os plans de partido dos seus adestradores pero, a priori, están chamados a estar non só neses cinco primeiros para optar a play-off, senón tamén para optar á primeira praza.