Poucos fogares de Galicia son alleos ao gran fenómeno que marca ao pobo galego: a migración. Xa sexa cara América, Europa ou otro recuncho do mundo, moitos deles emprendían ese camiño con esperanza -outros con resignación- e levaban consigo un forte sentimento cara o Deportivo que se mantén a día de hoxe. Toda esa «epopea atlántica» aparece recollida no libro ‘O país invisible’ do coruñés Arturo Lezcano, unha obra imprescindible sobre a que conversou en RiazorTV.
A importancia do fútbol para os emigrantes
«Non é unha sorpresa que o fútbol vertebra as sociedades. Polo tanto tamén vertebra a sociedade dos galegos alá. Está presente ao longo de todo o libro porque o fútbol estaba presente en calquera país. Tamén nos que non tiñan tradición futbolística como Cuba. Agora alí comezan a interesarse, pero é moi rechamante que vas ao Centro Galega da Habana, o Vaticano da díaspora por suntuoso, e o primeiro que atopas non son bandeiríns… Está un cadro do plantel do Deportivo do ano 2018 foto por foto dando a benvida».
O ‘Deportivo Celta’ de Venezuela
«Había varios centros e a primeiros dos anos 60 deciden xuntarse. Tiñan varios nomes para poñerlle ao equipo e chegou a haber a idea de que houbese un ‘Deportivo Celta’. Un nome bastante fantástico se o pensamos ben e nos quitamos dos nosos amores, fobias e filias. Acabou gañando o nome ‘Deportivo Galicia’, que foi un club importante nunha época na que o fútbol tivo a liga máis importante da historia de Venezuela. Este equipo foi campión e tense dito que é o único venezolano cun título internacional».
Un Galicia – Uruguai en 2005 con dous equipos ‘galegos’
«Estaba na zona de prensa e déronnos a folla de aliñación. Ti vías apelidos como Viqueira, Losada ou Couñago na selección galega, pero no plantel uruguaio ó mellor oito dos once eran de orixe galega. Un xornalista madrileño dicía ‘que sorte tedes, que podedes montar dúas seleccións galegas’. É o típico chiste que che conta o de fóra, pero non nos damos conta do que temos diante. A pegada galega no Uruguai era tan grande como a italiana na Arxentina».
O primeiro derbi lonxe de Galicia no 2016
«O Dépor – Celta do Gran Parque Central, a cancha de Nacional, é o primeiro e se cadra único derbi xogado fóra da Galicia territorial. Por que aí? Podería ser noutro sitio, pero no Uruguai e no Brasil está presente o deportivismo, en Nova York igual. A forza e o pulo que eu vin do deportivismo na diáspora; non creo que haxa mellor ferramenta. Acabas falando e xuntándote con xente que non o farías se non fose polo fútbol».
