Conversas cuánticas son unha serie de entrevistas ficticias a personaxes que, segundo o subxectivo e ás veces extravagante criterio do autor, resultaron relevantes na historia do Real Club Deportivo. O autor asume a responsabilidade de calquera erro histórico que poida producirse, voluntario ou non, de ningún xeito imputábel ás fontes consultadas. Pasen e lean!
Esta é, sen dúbida ningunha, a conversa máis difícil desta serie. Ten lugar no cárcere provincial da Coruña, onde o noso home está prisioneiro e condenado a morte.
Viaxamos ao 27 de xullo de 1936, días despois do alzamento militar que desencadeou a guerra civil española. A cidade non é a criatura amábel e falangueira doutras ocasións, senón un cuartel de silencios e paredes de chumbo. Cruzamos as rúas temerosos, co permiso que compramos apertado no peto, dispostos a amosalo ante calquera requirimento por parte dun militar. Este papel é o noso salvoconduto para poder chegarmos até Bebel García, xogador do Deportivo preso pola súa militancia política.
Fóra do cárcere o sol estival reflíctese nas pedras pardas do faro de Breogán. As gaivotas, suspendidas maxicamente no ceo, semellan observarnos con indiferenza. Non emiten nin un chío, como participando activamente do sixilo covarde que todo o alberga.
Xa dentro do recinto carcerario somos conducidos até unha sala coas paredes espidas e unha mesa con tres cadeiras. Mándannos agardar alí. Uns minutos máis tarde un rapaz de vinte e dous anos, baixiño e sen barbear, entra cos pulsos arrodeados por unhas esposas. O garda que o acompaña guíndao sobre unha das cadeiras, e nós ocupamos as restantes. Malia todo, sorrí.
Se non lle importa, queremos comezar…
Por favor, non me tratedes de vostede. Lémbrame aos interrogatorios da Garda Civil.
De acordo. Daquela queremos comezar cunha cuestión ineludíbel: por que fuches detido?
Pola miña militancia política. Así de simple. Por ser un dos “Hermanos de la Lejía”, mais vermellos que os amorodos. O 20 de xullo, despois do golpe militar, participei xunto cos meus irmáns France e Jaurés na defensa do edificio do Goberno Civil, que estaba a ser atacado por unha batería militar instalada no Parrote. Pouco puidemos facer. Eles eran máis e estaban mellor preparados. Nós apenas contabamos coas armas que Pepín, o meu irmán máis vello, “expropiara” nunha armería da rúa San Andrés. Véndonos vencidos, fuximos a fume de carozo cara a Asturias. Mais nunca aló chegamos. Detivéronos hai un par de días á altura de Guitiriz.
Temos entendido que esta non é a primeira vez que te deteñen.
Non é, non. Mais ha de ser a derradeira.
[Bebel solta unha gargallada e procura a complicidade do seu gardián, que fuma impertérrito nun recanto da sala]
Haberá cousa dun ano fun arrestado no fortín de Durmideiras. Intuíanse xa movementos dos militares, polo que queriamos preparármonos a conciencia. Até alí fomos uns corenta compañeiros, todos vestidos de vermello, entre os que tamén estaba o meu irmán France. Acusáronos de facer exercicios de formación e entoar cantos subversivos. O gobernador civil non estaba disposto a permitir o menor indicio revolucionario na Coruña. Encarcerounos e púxonos unha multa de 250 pesetas a cada un por “actos contra a orde pública”.
Volvendo á túa situación actual: consideras que tiveches un xuízo xusto?
Que xuízo xusto nin que farrapos de gaitas! O xuízo foi unha entroidada. Estabamos condenados xa antes de sentar diante do tribunal. Rebelión militar, dixeron. Nós, que non eramos nin os rebeldes nin os militares en toda esta lea. Polo menos Jaurés librouse da condena a morte, por ser menor de idade. Aínda así dáme medo o que lle poidan facer. Continuamente se escoitan historias de “paseados”. Non che me fío nin un pouquiño destes… señores.
A túa familia é de Ribadeo. Como acabastes vivindo na Coruña?
O meu pai foi desterrado cento cincuenta quilómetros de Ribadeo pola súa militancia socialista, polo que decidiu trasladarse á Coruña. Instalámonos no número 24 da rúa San Roque. Alí o meu pai montou unha pequena fábrica de lixivia, que os meus irmáns e mais eu axudabamos a repartir pola cidade. De aí vén o noso alcume.
Pode entón dicirse que a túa implicación política é herdada do teu pai?
Completamente. Hai cousas que te marcan desde meniño. Por exemplo, dos oito irmáns que somos, só foi bautizado o máis vello, Pepín. Os outros temos nomes tan significativos como Voltaire, Jaurés ou France. Todos sen excepción abrazamos a ideoloxía do meu pai.
Xa vexo… Mais falemos de fútbol: como comezou neste deporte?
Non sabería dicirche. Sempre me gustou xogar desde pequeno. A rapazada do barrio montabamos partidos no Campo da Leña. Faciamos as pelotas coas vexigas dos porcos que conseguiamos no matadoiro. Na casa sempre houbo gusto polo deporte. O meu irmán Pepín destacaba no atletismo e mais no ciclismo. France practicaba o boxeo. E eu inclineime polo fútbol.
Como se definiría Bebel García?
Como persoa o como futbolista?
Ambas as dúas.
Pois como persoa coido que son un bo rapaz. Non é fácil falar dun mesmo. Gracioso, valente… pode que tamén un chisco infantil, se teño que ser sincero. Como futbolista, ao igual que na vida, doulle coa esquerda. Adoitaba xogar de extremo. Non era mal dianteiro, malia ser practicamente un anano.
Cantas tempadas xogaches no Deportivo?
Catro tempadas. Todas en segunda división. Teríame gustado xogar en primeira, mais non houbo sorte.
Se tiveses que destacar algún dos seus compañeiros, en quen te fixarías?
En Chacho, sen ningunha dúbida. O futbolista máis completo co que xamais xoguei. Todo un prodixio técnico. Unha mágoa que marchase para o Atlético.
Estás satisfeito coa túa traxectoria no Deportivo?
A medias. Teríame gustado xogar máis. Sempre fun suplente. Na tempada 33-34 disputei vinte partidos e marquei dez goles. Ese foi o meu mellor momento como futbolista. Despois, nas seguintes, apenas tiven participación no equipo. Os adestradores dicíanme que tiña boas condicións para o fútbol, mais a cabeza noutro sitio. E é verdade.
Semellas bastante enteiro, dadas as circunstancias…
Son da Mariña. Eu non teño medo. De feito teño xa pensada a miña derradeira vontade diante do pelotón de fusilamento. [Bebel inclínase cara adiante na mesa e bisba preto de nós] Penso botar unha longa e pracenteira mexada diante deses c******!