O Deportivo continúa coas renovacións dos xogadores máis prometedores de Abegondo e nesa liña vén de acordar a ampliación do contrato dunha das súas promesas máis destacadas: Diego Gómez. O atacante do Fabril, apartado dos terreos de xogo durante meses esta tempada por mor dunha lesión no peroné, confirmou este luns en A Balón Parado de RiazorTV que en breve poderá anunciarse de xeito oficial este novo compromiso.
«Xa está todo feito e falado. Só quedan meros trámites e firmar», explicou o de Amoeiro. Asegurou que está «encantado», pois «non quería buscar nada» tras as habituais negociacións co club herculino. «Tiña clarísimo que quería estar no Deportivo e o Deportivo deixoume claro que quería apostar por min. Ó estar os dous de acordo non había nada máis que buscar», concluiu.
O anuncio coincide ademais cunha feliz nova para o xogador, que esta semana puido volver a desfrutar da titularidade na vitoria do Fabril por 1-2 no difícil campo do Zamora: «Estou alegre porque levaba catro meses sen poder xogar como titular e as sensacións foron moi boas. Non me doía nada e atopábame ben. Xa non é só a alegría de gañar, senón de poder estar ao cen por cen».
Trátase dun triunfo de gran importancia para o filial branquiazul, que cos tres puntos colleitados no Ruta de la Plata afástase dos postos de descenso. «Levabamos unha mala racha de dous partidos perdendo e gañar fóra da casa e nun campo como o Ruta de la Plata é un subidón para o estado de ánimo do equipo. Poder saír do posto do playout, que é importante e a ver se conseguimos gañar esta fin de semana», afirmou Diego Gómez.
Futuro no primeiro equipo
Sobre a posibilidade de chegar e asentarse no primeiro plantel, amosouse cauto e con ganas de ir paso a paso: «Primeiro quería atoparme con boas sensacións e ir atopándome como xogador. Se o adestrador pensa que estou preparado eu encantadísimo de podelos axudar e se non o fundamental é seguir formándome. No Fabril os xogadores da miña idade poden formarse moi ben».
A entrevista a Diego Gómez en A Balón Parado

