O Dépor ABANCA faise forte en Riazor e, agora, comeza a vencer tamén lonxe da casa. Para Elena Vázquez -en rolda de prensa- a vitoria do pasado fin de semana en Logroño supuxo un xute de confianza para o cadro deportivista. Coa mente xa posta no próximo rival, un Real Madrid que visita o feudo herculino este domingo (12:00 horas), a canteirá branquiazul confía en ter continuidade co primeiro equipo e, a pesar de saber o rival que espera, en «sacar un resultado positivo».
Riazor, un estadio que motiva
«Despois da vitoria deste fin de semana temos moita confianza no equipo e sabemos o rival que nos espera. Xogamos na casa, animo a todo o mundo a que nos veña a ver. Temos que facernos fortes e esperamos sacar un resultado positivo».
«Xogar no Estadio de Riazor motívanos moito. É un estadio que ten moita historia e na casa facémonos bastante fortes, xogamos moi ben todas xuntas. Tamén poñer en valor a toda a afección que nos vén a ver, que nos anima moito desde fóra. Ogallá sigan vendo os nosos partidos e apoiándonos o máximo posible».
A vitoria en Logroño, un xute de confianza
«Preparamos moi ben o partido durante toda a semana. A vitoria dounos moitísima confianza e seguimos escalando puntos na clasificación. Estamos nun bo momento para todos os retos que nos propoñamos».
«Estivemos bastante ben. Fixémoslles bastante dano e soubemos como facerllo. Preparamos moi ben durante toda a semana o plan de partido. Saiu bastante ben».
O traballo da canteira
«Moi contenta por estar nun clube tan grande como o Dépor. Quero seguir afianzándome no equipo e ter continuidade. Creo que se están facendo as cousas moi ben co tema da canteira, estamos metendo maña aí arriba. A nivel futbolístico, quero seguir crecendo coas miñas compañeiras e seguir xogando o mellor posible».
Que lle pide Fran Alonso?
«Pídeme bastante tranquilidade, que xogue como sei. Dáme moita confianza e cando xogo os partidos dime que esté tranquila, que faga o que fago nos adestramentos e que o faga o mellor posible».