Semana de boas novas para Eva Dios. Primeiro a nivel colectivo, por estrear o taboleiro de vitorias para o Dépor Abanca en Liga F, e agora a nivel individual ao recibir o premio á mellor xogadora do equipo branquiazul no mes de setembro. A centrocampista recoñece que esa vitoria ante o Madrid CFF debe ser a primeira pedra que permita ver todo o potencial do cadro deportivista:
Recoñecemento individual
«É un orgullo sempre recibir este tipo de premios. Representa o traballo que estamos facendo todas como equipo. Temos moitas gañas de que cheguen os resultados e estamos xa pensando en encadear outra vitoria. Sempre é un gusto celebrar, hai que darlle o valor que merecen estes tres puntos, máis nunha liga tan complicada como a Liga F».
Volta á Liga F
«Tiña moitas gañas de volver co Dépor a esta primeira división. Estou con moitas gañas de competir, de xogar, demostrar o nivel que temos todas e a capacidade que temos de competir como equipo».
Primeiro triunfo
«Queiras ou non, creo que é un pouco liberador. Facíanos moita falta gañar, máis despois de dous partidos nos que se nos escaparon puntos nos últimos minutos. É importante ter eses tres».
O Dépor Abanca vai a máis
«Hai que asumir roles, o tipo de partido que estás xogando. Quédanos moito por demostrar con balón, creo que somos capaces de traer o estilo de xogo que nós queremos e pouco a pouco intentamos ter esa personalidade, ese estilo que nos caracteriza e que trataremos de poñer en práctica. Estamos crecendo pouco a pouco, medrando nas pequenas cousas, mellorando detalles».
Eibar
«O Eibar é un equipo que sabe ben ao que xoga, leva anos con este estilo. Estamos preparando un plan de partido que nos sirva para poder estar cómodas e competir ao máximo».