Non gardou nada Fernando Vázquez cando se lle preguntou polo sistema de competición de Segunda B para a vindeira tempada. O adestrador do Deportivo foi moi crítico, sobre todo co feito de que se arrastren todos os resultados para a segunda fase: «O sistema de competición é deprimente. É lastimoso, patético… cústame entender que todos os puntos se leven á seguinte fase. Toda competición parte dun principio de igualdade que debería ser sagrado. Cando se rompe, coma neste caso, porque todos os subgrupos non teñen o mesmo potencial… e ao mellor podemos saír favorecidos, pero non entendo moi ben como isto se pode admitir nunha competición tan importante para clubs coma o noso. Non entendo a razón de por que se pensou así. Paréceme demencial. Non podo entender como se chega a un acordo así cando a desigualdade é patente. Será porque alguén o quere, porque podería ser de outra forma».
O técnico considera que pode darse o caso de que algún equipo que pase á seguinte fase xa non teña opcións de loitar polo ascenso a Segunda: «Imaxina que o campión dun grupo o gaña todo, o segundo só perde un partido e o terceiro dous. Serían 54, 51 e 48 puntos. E agora outro grupo que o camión sume 40, que ven sendo máis ou menos a media. O terceiro dese grupo entraría con 35 ou 36 e xa non tería posibilidades… que se poida dar que un equipo empece a segunda fase con 54 puntos e o outro con 40…».
Fernando Vázquez, sen posibilidade de erro
Fernando Vázquez sería partidario de que se levaran só os puntos dos rivais que avancen á segunda fase, como se barallou nun primeiro momento. Pero ante a situación actual, é consciente de que non poderán fallar: «Non podemos perder un partido, teremos que gañar todos para intentar sumar os 54 puntos e levar o máximo posible á seguinte fase. Que a xente entenda en que situación estamos«.