Óscar Gilsanz, técnico do Deportivo, quixo pór en valor a posta en escena do seu equipo en Almería e recalcou que aínda que a derrota doe, os seus xogadores executaron o plan de partido nunha primeira metade que foi «boa». «Teño mal sabor de boca, pero sabendo que o equipo competiu, sobre todo na primera parte», destacou o adestrador betanceiro.
Análise do partido
«Realmente, creo que o equipo dou a cara no primeiro tempo, xogamos un bo partido. Estivemos defendendo ben por fora as subidas do Almería e tiñamos claro que tendo o balón, seríamos capaces de ir a campo contrario e xerar situacións de perigo. Na segunda custounos máis. O Almería por diante no marcador é complicado. Os catro de arriba en situacións de duelos, transicións… son perigosos e sufrimos máis. O equipo estivo no partido, cometimos algún erro en salida de balón que nos lastrou e ao final nos metemos no partido e nos últimos 10 minutos crimos que podíamos tentar empatar, pero non o logramos. Teño mal sabor de boca, pero sabendo que o equipo competiu, sobre todo na primeira parte».
Erros defensivos que custan goles
«Nos córners que nos sacou o rival, só nos remataron un e foi gol. Nese sentido, o traballo do equipo foi bo salvo nesa situación. O equipo na primeira parte estivo serio defensivamente e fíxonos dano ese gol nese centro lateral antes do descanso. Non merecíamos ir con ese 2-1. Son situacións que se dan no partido, ás veces tes que repoñerte e o equipo ten unha forza mental importante como xa dixen noutras ocasións. Os xogadores teñen esa rabia de non poder sumar, pero coa satisfacción de competir».
Gol psicolóxico para o segundo tempo
«Sobre todo achaco á situación do partido. O Almería por diante é moi perigoso porque cada vez que che rouba ou fai que perdas o balón en salida ou en zona de tres cuartos, acaba en situación de área porque ten moita calidade na súa parte de arriba e acabas sufrindo. No descanso falamos, tiñamos claro que na segunda parte ía ser diferente, que o Almería sairía reforzado e que o plan de partido se complicaría pero que había que mantenerse no partido para que chegase o noso momento».
Recuperacións dos lesionados
«Non penso niso, penso en analizar o partido, ver o que podemos correxir para o traballo da semana e encarar partido do Sporting coas mellores garantías. Recuperando xente ou sen recuperar porque todos os xogadores do noso plantel poden competir e sacar os partidos adiante».
Hugo Rama de mediapunta
«Optar por Hugo foi por eso que falaba antes: críamos que tendo superioridade por dentro podíamos ter o balón e saír desa situacións de presión de rival. Se éramos capaces de meter xente nesa posición teríamos superioridade e así se viu na primeira parte. Fixo o que lle pedimos, baixar para facer esa superioridade».
Unha oportunidade para Kevin
«Nese momento necesitábamos un xogador que dera profundida por fóra. Co cansancio de Juan (Gauto), que fixo un traballo importante que lle ía mermando, necesitábamos que Kevin aportara traballo e tamén capacidade para ter profundidade porque estábamos máis repregados».
A baixa de Yeremay
«No partido non me gusta falar das baixas. Poño en valor o traballo que fixeron os xogadores con menos minutos. Sobre todo poñer en funcionamento o plan de partido, co esforzo que se pedía cun rival tan esixente como o Almería. Yeremay ten unhas molestias no xeonllo e a Escudero subíronselle os xemelgos. Contábamos con que iso podía pasar».
