Nueva columna de opinión de minutto93, que después de su estreno días atrás ha vuelto a escribir sobre la actualidad del Deportivo. De forma periódica podréis leer sus artículos de opinión sobre el Dépor.
Fai dúas semanas estreeime como columnista nesta Santa Casa. Non vos vou negar que me facía ilusión. Tanta, que na miña cabeza a publicación do artigo supoñía un antes e un despois na miña vida. Por fin, abandonar a etiqueta do columnista-instagramer, entrar a ombreiros pola porta 11 de Riazor e recibir algunha que outra pracenteira palmadiña nas costas. Cando entrei na sección de comentarios do mesmo souben que nada diso ía suceder e que tiña que ir correndo ao concesionario a devolver o Lamborghini.
En realidade, seguindo co que Enrique Ballester recomenda facer na vida, a columna foi todo un éxito, porque non gustou a demasiada xente (demasiada aquí pode traducirse por ningunha). Ballester ten unha columna enteira falando do perigosas que son as expectativas, especialmente no fútbol. Comenta nela que incluso é recomendable, se se ten unha entrevista de traballo, ir “con zapatillas de velcro, para que vean de lo que eres capaz, para que duden incluso de si sabes atarte los cordones de los zapatos” xa que, despois, cada pequena acción exitosa será todo un logro.
A este efecto na Coruña podemos chamarlle “O efecto Carnero-Retuerta”. Por unha parte, con Raúl enchéusenos tanto a boca de dicir que “viña de Primeira División” (en realidade, ata onde eu sei, viña de Segunda, aínda que acababa de ascender a Primeira, iso si) que se converteu nunha das decepcións máis grandes do que vai de tempada. Sen embargo, eu creo que se Óscar Cano pon a Retuerta e o rapaz non tropeza consigo mesmo, demostra que sabe pasarlla aos que visten de branquiazul e entende que o balón é esférico, todo o mundo marchará do estadio pensando que fixo un partidazo e preguntándose por que non xogaba máis antes.
A Cano tamén lle saíron caras as expectativas xeradas no seu primeiro partido á fronte do Dépor. Aos que non querían a Borja reafirmounos na súa tese de que era o adestrador o que fallaba, e aos do desguace da Borjaneta fíxolles subirse ao carro porque temos todos tantas ganas de crer nalgo que pouco nos custa facernos conversos. O partido ante o Real Madrid B a semana pasada volveu recordarnos o xa clásico lema que esta páxina leva por bandeira e que deberiamos aplicar un pouco máis: prohibido fliparse.
Falouse moito da rolda de prensa que Cano deu tras o partido. Esgrimíronse moitas teorías acerca do que podía pretender con ela: poñerse de pantalla ante os ataques, protexer aos xogadores, desconcertarnos ou facer ver aos xornalistas desprazados que un consumo razoable de salvia divinorum despois dos partidos pode mellorar moito a imaxe que teñen do equipo.
Polo xeral, creo que atribuímos aos adestradores unha intelixencia estratéxica que resultaría máis propia dun guionista de Ted Lasso. Os adestradores son persoas que saen aí e fan o que poden, din o que se lles ocorre e moitas veces reproducen mensaxes que leron en libros de autoaxuda ou escoitaron en anuncios de coches. Como facía Borja, como fai Cano, como facemos todos. Porque todos saímos aí fóra a facer o que podemos e, como moitas veces non podemos, non nos queda outra forma de sobrevivir que non sexa crer en Deus ou no mindfullness. Quizais o problema sexan as expectativas, quizais o problema sexa pensar que un adestrador de fútbol ou un “plumilla” de Instagram van dicir cousas demasiado intelixentes. Ao final, ningunha firma deixa de ser un garabato.