Rubén López foi protagonista esta semana en Riazor TV. O canteirán, que está a asentarse no primeiro equipo, repasou a actualidade do plantel dirixido por Imanol Idiakez e detallou non só o seu actual momento individual, senón o proceso que tivo ata chegar ao equipo matriz do Deportivo.
Xogador do primeiro equipo con ficha do filial
«Desde o meu punto de vista si que me vexo un máis dentro do primeiro equipo. Son moitas sesións adestrando con eles e xa levo moito tempo sen tocar un adestramento do Fabril e na miña mente xa estou concienciado de que son un máis. Ogallá que sexa de forma oficial, con ficha. Sería a guinda do pastel».
«O non ser citado para o Fabril esta fin de semana fíxome darme conta de que era máis importante para o primeiro equipo. Porque, ao fin e ao cabo, se non me deixan baixar co Fabril cando o primeiro equipo non xoga, fíxome recapacitar e saber que tiña que estar centrado no rol do primeiro equipo».
A saída de Mackay
«Antes de nada, quería darlle o meu apoio a Ian desde aquí. Darlle as grazas porque desde o primeiro día cos canteiráns sempre ten un trato especial porque el é de aquí, da casa, afeccionado do Dépor. Aos que somos da canteira sempre nos botou unha man. Na súa saída non me podo meter porque son cousas do fútbol, pero quero darlle o meu apoio e desexarlle moita sorte».
Vivir o día do vestiario coa espada do mercado
«É que ao final o mercado está máis centrado no primeiro equipo que no Fabril. Agora estou vendo casos no Dépor que si que me fan que hai que apretar e dar o mellor de cada un para estar aí arriba».
«Eu podo falar da miña perspectiva, non do que pode pensar un xogador do plantel. No meu caso, estou centrado no día a día e non penso no mercado, só en axudar ao equipo. Si que vexo que o equipo traballa como sempre, non hai nada que destacar. Vexo bo ambiente, intensidade, ritmo…».
Será titular en León?
«Ninguén me dixo nada. Estamos aínda a metade de semana. Eu intento traballar día a día para que o míster me poña, pero non depende de min. Se me toca xogar, intentarei facelo o mellor posible. Que non xogo? A animar desde o banco ou deixalo todo se me toca saír despois, como o outro día».
O proceso de asentamento no primeiro equipo
«Estou moi, moi ilusionado de ver que a xente quere que teña minutos. Calquera rapaz quere que a xente o valore e pida o seu nome. Estou moi agradecido e contento. Foi un cambio bastante rápido. Arrinquei xogando co Fabril e non comecei a pretempada co primeiro equipo, pero ás poucas semanas me incorporei con eles. Foi un proceso rápido, pero moi bonito».
Nótase a confianza de Idiakez?
«Si, pero para iso hai que adestrar ben e adaptarse. Cando ves que contan contigo é porque confía en min e aposta por min. Porque me ve capacitado para xogar. Senón, non o faría«.
«Como foi o momento de ter que saír cun menos contra a Real Sociedad B? Pois foi moi rápido, porque estaba a colocar as espinilleiras mentres me dicía que me tiña que xuntar con Salva no medio e facelo como sempre. Moito traballo, moito sacrificio e deixalo todo porque quedaban 20 minutos e había que aguantar o resultado como sexa».
A sensación de vivir un partido de Riazor
«A primeira experiencia que vivín en Riazor foi na Youth League e nunca me pasara o de ter esa sensación de xogar só. As pernas e a cabeza ían soas. Sobre todo nos minutos finais, cando a xente soe estar máis cansa, eu todo o contrario. Notaba que me daban como vida. Parecía que tiña tres pulmóns e chegaba a todos os balóns. Cando a xente aplaude porque quere ver a un xogador que o deixa todo no campo… é unha sensación incrible».
«Estas últimas veces, igual. Contra a Real, estando cun menos, a xente tirou de nós e animou todo o que puido. Cada vez que facíamos unha acción ben aplaudían e estabas como máis crecido».
A súa posición ideal no primeiro equipo do Deportivo
«Podo adaptarme ben a calquera posición do medio campo. No Fabril e no Xuvenil si que me gustaba máis xogar a min só con dous por diante. Creo que son un xogador con bastante percorrido e gústame estar en todos os sitios. E, ao fin e ao cabo, se xogo como único pivote teño máis espazo para min. No primeiro equipo? En calquer lado, onde me necesite o míster».
En que se nota o cambio de ir subindo categorías?
«O ritmo é máis rápido. Ademais, vense máis detalles técnicos individuais. Hai xogadores que non vías na Segunda RFEF e sobre todo na Terceira. Pero o que máis se nota é o ritmo. Porque por un segundo gáñanche a posición ou perdes o balón».
Quen lle aconsella no primeiro equipo?
«Como son mediocentro si que intento guiarme máis polos desa posición. Aínda hoxe (por onte) estivo José Ángel (Jurado) a darme uns pequenos matices. Case sempre son os mesmos: José Ángel e Salva (Sevilla). Intento pedirlle consello».
A chegada ao fútbol profesional conleva un cambio de mentalidade no adestramento?
«Ao final son todo hábitos. Tiven que darlle á panca co tema da alimentación e do ximnasio. Son temas moi importantes que non lle estaba dando a trascendencia que teñen e din un paso adiante. Collín o hábito de ir 20 ou 30 minutos ao ximnasio despois de cada adestramento e ademais, desde esta semana, comecei a ir co readaptador Álex Canosa ao ximnasio polas tardes».
Contrato longo co Deportivo: motivación e vértigo?
«Vértigo non, ao contrario. Tes máis gañas e máis ilusión ao ver que estás a un paso de poder cumprir un soño de moitos rapaces, que é ser xogador do primeiro equipo do Dépor. A min motívame moito. É ilusionante».
O traballo do Deportivo coa canteira
«O Dépor ten unha canteira espectacular. É equiparable cos equipos ‘top’ de España. O Xuvenil vén de gañar ao Athletic de Bilbao, que un dos grandes. Vímolo coa Youth League, cando xogamos contra equipos moi importantes dos seus países. Eu non me podo queixar porque xa levo bastante tempo incorporado ao día a día do primeiro equipo. Hai bastantes xogadores como Mella, Martín, Jairo, Barcia… Vese que se está apostando pola canteira. Dou as grazas pola oportunidade, pero é que creo que se están a facer ben as cousas».
«Eu cheguei en cadete de segundo ano e ao principio o que máis notei foi a adaptación á herba natural. Viña de xogar co Compos nun campo vello artificial e si que me custou nese primeiro ano de adaptación. Nótase que hai moita máis calidade nos compañeiros, pero eu non sufrín por adaptarme ao chegar doutro equipo a esa idade».
Quen é o xogador máis difícil de defender?
«É Yeremay. Tenme cruzado (risas). Ti ves vir a Yeremay de fronte e non sabes que facer. Se lle entras, tírache un cano ou faiche un recorte. É moi difícil. A Mella agárralo e faslle unha falta para que non corra, aínda que igual che leva a rastro (risas)».
«A lesión de Yeremay foi bastante longa e volver a coller a confianza é bastante complicado. Tes que ir pouco a pouco e cada ir atopándote un pouco mellor. Xa se ve que está a coller mellores sensacións e volvendo a ser o que é el».