Na nova temporada, estreamos sección: A análise de Yago Iglesias. Cada semana, contamos coa súa firma na previa dos partidos. O extécnico da SD Compostela é o encargado de analizar ao rivais do Deportivo para riazor.org. Nesta terceira entrega é o turno do Calahorra. O Deportivo visita a Rioxa este sábado (17h).
Contextualización
Imos comezar a terceira xornada. En La Planilla mídense dous equipos que chegan en momentos distintos en canto a puntuación, pero non así en canto a sensacións. Porque o Calahorra leva un só 1 punto, o que conseguiu na primeira xornada vs UD Logroñés, pero deixando boas sensacións. Incluso no último partido contra o Rayo Majadahonda comezou mellor que o rival, pero é o Rayo o que se pon por diante cun auténtico golazo nos primeiros 10′. Entón aí cambia totalmente o partido e cambia tamén o feito de ir por detrás no marcador. Aínda así, o Calahorra foi capaz de competir de ti a ti, e por momentos incluso tivo opcións de poder empatar, co que seguro que veríamos outro partido.
Sobre o terreo de xogo, igual que a semana pasada en Tudela, vai ser un aspecto a ter en conta. É un campo de herba natural e, polo que puidemos ver na primera xornada, non está en malas condicións, pero non é excesivamente amplo. Que quere dicir isto? Que, no momento en que lle toque atacar ao Deportivo, os duelos chegarán antes. E as coberturas, as axudas, as disputas aéreas… van ter moita cabida dentro deste partido. Hai que telo en conta porque se vai ter menos tempo para pensar e executar.
Idea de xogo colectiva
O sistema base que utiliza o Calahorra é un 4-2-3-1. Ten unha filosofía, un modelo de xogo mixto: tanto se adapta a un xogo máis directo buscando ao seu xogador máis avanzado, Yurrebaso; como por moitos momentos de partido -a min gustoume esa dispoción-, propón un xogo máis combinativo, intentando iniciar desde atrás. Nesta idea de xogo combinativo, cambia un pouco a estrutura pasa a 4-1-4-1 ou 4-3-3, no que toma vital importancia Jesús Álvarez. Aí, achégase aos centrais e é el o que inicia todo o xogo combinativo deste equipo. Se o Dépor é quen de telo controlado, seguro que o Calahorra pasará ao segundo plan, que é o máis directo sobre Yurrebaso, como diciamos anteriormente.
En canto á fase defensiva, adoitan un posicionamento avanzado na súa casa, por moitos momentos, nun 4-4-2 en rombo. Como o fan? Os extremos péchanse moito, invitando ao rival a saír cos laterais. No momento que a pelota chega aí, fan unha presión alta con moita basculación de extremos e laterais de lado contrario, aproveitándose das condicións do terreo de xogo. Dese xeito, buscan que o rival xogue directo para aí gañar duelos con Cristian Fernández, Ugarte, Aguado e o propio Jesús Álvarez, que son xogadores que nesas disputas tamén van ben.
Xogadores destacados
O que lle puidemos ver nestas 2 xornadas ao Calahorra é que o colectivo está por enriba das individualidades. Si que é certo que hai varios futbolistas por liña aos que se lles ve capacidade técnica de sobra para xogar a eses dous modelos, tanto directo como combinativo.
Julio Iricibar, porteiro, moi bo baixo paus e con certa participación na fase de iniciación. É un equipo ao que lle gusta saír xogando co porteiro, incluso moitas veces empregándoo coma un terceiro central.
Andoni Ugarte, central dereito, con boa saída de balón.
Eneko Zabaleta, exlateral esquerdo do Pontevedra, con moitísimo percorrido.
Na liña de medios, Jesús Alvarez é o xogador insignia nese xogo máis combinativo.
Despois, os dous xogadores de banda, tanto David Soto como Carlos Vicente son incisivos e con bo centro.
E sen esquecernos dos dous atacantes: Yurrebaso, con máis presenza física, máis rematador, máis xogador de área. E sobre todo, por enriba do resto, hai que destacar a Manu Ramírez. Mediapunta, xogador de moita calidade. Vai poñer en serios problemas non só a centrais, senón tamén a mediocentros, porque lle gusta aparecer por espazos ás súas costas. Cando entra en contacto co balón, xera moitas cousas. Aínda por enriba, a balón parado, todo sae das súas botas
Conclusión
Por tanto, penso que esta fin de semana, o Calahorra, máis aló do que poida dicir a clasificación, é un rival a ter moi en conta. Unha vez máis, imos vivir unha xornada de altísimo nivel. E a miña percepción é que é un equipo que ten menos puntos dos que merece a estas alturas de campionato.