Cada semana contamos coa firma de Yago Iglesias na previa dos partidos. O extécnico da SD Compostela é o encargado de analizar ao rivais do Deportivo para riazor.org. Nesta sétima entrega é o turno do Real Unión de Irún. O Deportivo visita o Stadium Gal este sábado (17h).
Contextualización
O Real Unión de Irún chega despois de 4 derrotas consecutivas, sendo a máis abultada a do Celta B. Nese partido, realmente, cando están 0-1, o Real Unión ten ocasións para empatar, pero non dispón da capacidade para facelo; o Celta vai medrando no partido e é quen de pasarlles por enriba.
Os outros 3 encontros pérdeos pola mínima e deixando moi boas sensacións a nivel de xogo, non tanto á hora de facer gol, que é o que lles está penalizando ata a data. Nos 2 últimos, fronte a Badajoz perde 1-2 e co Rayo Majadahonda 1-0. En ambos, o Real Unión leva a iniciativa do xogo, por moitos momentos sendo superior ao rival, chegando con certa claridade á zona de finalización, pero sen o premio do gol.
Evidentemente, o momento no que chega en canto a resultados é negativo, pero creo que as sensacións que deixa o equipo, insisto, son positivas. Se a semana pasada diciamos da SD Logroñés que, malia non ter grandes nomes e ser un equipo menor da categoría -con todos os respectos-, a nivel colectivo era un equipo a ter moi en conta; o Real Unión máis do mesmo. Tanto no seu campo como fóra é capaz de xogarlle os partidos de ti a ti a calquera.
Idea de xogo colectiva
De entrada, imos destacar que é un equipo ao que lle gusta ter a posesión do balón. Ten moi bos xogadores para iso e manexa 2 sistemas en fase ofensiva: o primeiro, e o máis desenvolvido nestas primeiras xornadas, é o 1-4-1-4-1, ou 1-4-3-3, en función de como se vexan. E a variante é un 1-4-4-2, sobre todo nos tramos finais dos partidos, indo por detrás no marcador.
A súa intención principal é ter posesións longas de balón, moita mobilidade de mediocentros, moita participación de centrais e moita paciencia á hora de sacar o balón desde atrás. Incluso, como se viu contra o Badajoz e contra o Rayo, cometendo certos erros nesa primeira fase de iniciación. Aí penso que o Deportivo ten que sacar tallada. Pero ollo, porque o Real Unión é un equipo que se lle deixas terreo e lle das o balón, complica moito a labor defensiva do rival.
Na fase defensiva é un equipo valente, que vai buscar ao rival arriba, nun posicionamento avanzado, impedindo que o outro equipo xogue en curto. No seu campo quere dimensións máis reducidas e é un rival moi incómodo que seguramente lle vai poñer as cousas moi difíciles ao Deportivo nesa fase de iniciación. Por tanto, é importante saltar esa primeira zona de presión ben, con circulacións rápidas e levando a pelota o antes posible á zona de atacantes; ou ben con xogo directo para empezar a xogar desde alí.
En canto a intencionalidades ou tipos de defensas que fan, nese posicionamento avanzado, realizan moita marca individual. Sobre todo, sobre laterais e centrais, impedindo que teñan esa capacidade de sacar o balón desde o centro do campo. Por iso o de que creo, ou considero, que para paliar ese posicionamento do Real Unión, é importante sobrepasar a primeira liña de presión.
Xogadores destacados
Dentro desta idea de xogo, son fundamentais os centrais que ten: Iván Pérez, Erik Ruiz e Ekhi Senar; especialmente os dous primeiros, que foron os que ao longo destas 6 xornadas máis minutos xogaron. Falamos de dous futbolistas con boa saída de balón e valentes. Pero, como dicía antes, por momentos pecan de querer xogar todo ao pé e cometen algún que outro erro -como sucedeu contra o Rayo Majadahonda-.
A zona máis importante deste equipo, ou onde están os mellores xogadores, para min é o mediocampo. Cos mediocentros, Vivancos e Rivero, que son os encargados de sanear e de darlle un pouco de idea ao ataque do equipo. Dous futbolistas con bo pé, capacidade para xirar, e que aínda por enriba teñen moi interiorizado o de levar a pelota de lado a lado. Cando a xogada chega a eles, buscan levar fóra rápido, con Oyarzun ou Capelete: dous futbolistas de bo un contra un, de bo centro e con capacidade para asociarse. Eles dous son xogadores de nivel alto para a categoría.
E por último, o dianteiro referencia neste equipo, que é un cedido polo Leeds: Kun Temenuzhkov. Dianteiro búlgaro, que non xogou contra o Rayo Majadahonda de inicio, pero que soe actuar na casa. Pequeno, cun tren inferior potente… Un xogador que nas disputas, malia non ter moita envergadura, é forte, capaz de controlar balóns de espaldas, de descargar. E, sobre todo, despois é rápido tanto á hora de presionar como cando queren ser un pouco máis verticais para chegar. E con gol.
Conclusión
Polo tanto, creo que o Deportivo, como resumo, vaise atopar un equipo incómodo, un equipo que ven dunha dinámica negativa en canto a resultados, pero positiva en canto a idea de xogo. E, coñecendo ao adestrador, van seguir nesa liña. Creo que as chaves van estar en superar a primeira liña de presión e ser quen de contrarrestar ese xogo interior que propón o Real Unión.