Cada semana contamos coa firma de Yago Iglesias na previa dos partidos. O extécnico da SD Compostela é o encargado de analizar ao rivais do Deportivo para riazor.org. Nesta sexta entrega é o turno da SD Logroñés. O Deportivo visita ao equipo rioxano este venres (21h).
Contextualización
Atopámonos na xornada 6 e imos ter un enfrontamento, a golpe de venres, no que os dous equipos veñen de resultados e sensacións diferentes. O Deportivo ven de encaixar a primeira derrota nun partido no que se viu por diante e lle remontaron (2-1). Mentres que a SD Logroñés ven de gañar na casa contra o Talavera, nun partido no que empeza perdendo 0-2 e é quen de remontar, empatando entre o 40′ e o 46′, e dándolle a volta na segunda parte.
É dicir, chega nunha dinámica moi positiva a SD Logroñés, que ven sendo o irmán pequeno de Logroño. Porque por outro lado está a UD Logroñés, que é o equipo realmente, entre aspas, forte e importante dentro da cidade. A SD Logroñés está facendo ben as cousas e, a día de hoxe, está na zona morna da clasificación, con 8 puntos, fronte aos 12 do Deportivo.
Idea de xogo colectiva
A nivel táctico, ten unha clara intención de ser dominante co balón. É un dos equipos deste grupo 1 que máis se responsabiliza cando lle toca atacar, cando ten a posesión do balón. Parte dun 1-4-3-3, por momentos 1-4-2-3-1 en fase ofensiva; onde claramente se ven as intencións de facer ataques combinativos, de non rifar o balón, de iniciar desde o porteiro e ir elaborando e xerando superioridades ao longo do campo con paciencia, ata chegar ao último terzo. Aí ten os xogadores, xunto cos do mediocampo, máis determinantes.
Dos equipos vistos ata a data, e xa vin a todos os do grupo 1, é un dos que a min persoalmente máis me gusta en canto a mecanismos colectivos. Sobre todo na fase ofensiva, caracterízase por ter moitísima mobilidade dos 3 xogadores de dentro, moitas rotacións, moita circulación de balón, moitos mecanismos de desmarques de ruptura e desmarques de apoio, sempre xerando vantaxes. É un equipo difícil de contrarrestar precisamente por todo iso.
No plano defensivo, tanto na casa como a domicilio, é un equipo valente. Vai en posicionamento avanzado e alterna unha estrutura 1-4-4-2 ou 1-4-2-3-1, en función de se lles interesa apretar aos dous centrais ou se lles interesa deixar saír a un deles para, a partir de aí, facerse fortes sobre zona lateral. En ningún momento escapan de ir buscar o balón en posicións avanzadas. Pero si que, se o rival sae dese primeiro posicionamento, pasan practicamente de forma directa a un posicionamento repregado. E aí si que xa optan por xuntar liñas, nun 1-4-4-2, priorizando todo o que ten que ver co carril central, para que os rivais cheguen por fóra e eles facerse fortes nos centros laterais.
Xogadores destacados
Atopámonos, unha vez máis, cun equipo no que sobresae o colectivo por enriba das individualidades. Pero posúe xogadores que hai que ter moi en conta:
Jero Lario, un porteiro que na fase ofensiva participa moito, con moi bo golpeo de balón, moi seguro no xogo cos pés. E que é determinante baixo paus. Salvando as distancias, ten o mesmo peso que tivo Mackay en xornadas anteriores co Deportivo. Mesmamente a semana pasada, co partido empatado, é quen de sacar varios balóns que practicamente eran goles, e manter ao equipo con vida para despois levar os 3 puntos.
Por diante del, a SD Logroñés ten unha liña de 4 defensas que nestas 5 xornadas variou moito de nomes. Pero na que hai un futbolista que o xogou case todo: Sergio Cubero, lateral dereito.
No mediocampo, quero destacar a Lozano e Esteban. Todo o xogo pasa por eles. Son os encargados de circular sempre o balón, de dar unha liña de pase, de ser os primeiros en saltar a apretar os medios do equipo rival… Creo que son os 2 xogadores máis determinantes deste equipo, tanto en fase ofensiva como defensiva.
Nos atacantes, vou resaltar 3 xogadores de banda: Calderón, Sandoval e El Haddadi. No que vai de liga, estiveron alternando os tres nas dous posicións -banda esquerda e dereita-. Cada un con distintas características. El Haddadi, máis vertical, de 1 contra 1. Calderón de vir recibir a dentro e asociarse. E Sandoval, que é un híbrido entre os dous, un mixto; é capaz de asociarse e é capaz de correr ao espazo.
E, por último, a SD Logroñés posúe 2 tipos de dianteiros: Mario Soberón, que é un xogador un pouquiño máis referente. E Jon Ander Pérez, que xogou a última xornada fóra da casa, contra o Rayo Majadahonda, e é moito máis explosivo e vertical. Nun plan máis á expectativa, sería a opción máis probable, para intentar coller os espazos á espalda da liña defensiva do Dépor.
Conclusión
Seguramente vexamos un partido no que os dous equipos queren ter a posesión do balón. Dous equipos que veñen en dinamicas diferentes. A SD Logroñés en canto a xogo, en todos os partidos deixou moi boas sensacións. E estou seguro de que este venres van vir a Riazor para seguir co mesmo plan de partido que os trouxo ata aquí.