Supoño que todos os deportivistas lembran o acontecido o 14 de maio de 1994. A piques de acabar o partido decisivo do campionato de liga, un iugoslavo –cuxo nome non quero pronunciar –aloumiñou a bóla desde os once metros con tanta dozura, con tal delicadeza, que esta esvarou até brazos do porteiro rival, quen a abrazou con paixón antes de celebrar como un tolo o engorde da súa conta bancaria. É xa unha vella historia, si, mais inesquecíbel para os que ese día apertamos o cu nas bancadas de Riazor.
Mais o que talvez moitos seareiros ignoren é que o club vivira xa un caso semellante. O 23 de abril de 1950 o Deportivo rozou tamén coas xemas o trofeo de Liga para, finalmente, deixalo escapar. Nunha xornada de infarto, o Atlético de Madrid –o outro candidato a gañar a liga –desbotou unha vantaxe de 4-1 ante o Valencia, chegando o equipo levantino a igualar o marcador a falta de cinco minutos para o final do partido. O Deportivo xogaba en San Mamés e marchou ao descanso cun 0-2 ao seu favor. Na segunda parte, o Athletic Club remontaría até empatar a dous. Cun gol máis de valencianistas ou deportivistas o campionato marcharía para A Coruña. Mais non foi así.
O adestrador do equipo que aloumiñou a fazaña era o pratense Alejandro Scopelli, un auténtico revolucionario do fútbol, de métodos ás veces extravagantes e grande impulsor do traballo de canteira.
O seu efémero paso pola Coruña deixou, con todo, unha pegada profunda. Foi por iso que os viaxeiros decidimos chimpar até o domingo 30 de abril de 1950 (unha semana despois do fatídico xogo de San Mamés) coa intención de entrevistalo.
Recibiunos unha cidade envolta nunha primavera esplendorosa, de mangas arremangadas e pernas sen medias. Tal e como fixaramos, encontramos a Scopelli na terraza da recentemente inaugurada Xeadaría Italiana, na Mariña. Estomballado nunha cadeira, o arxentino daba boa conta dun gorentoso xeado de amorodo e nata. Tan concentrado estaba que aínda tardou un anaco en se decatar da nosa presenza. Sorriunos como único saúdo e, cun aceno, convidounos a sentar xunta el. «Pidan un xeado. Están espectaculares», aconsellounos. Fixémoslle caso e, entre lambida e lambida, comezamos a conversa.
Así que deixa A Coruña…
Iso parece! Asinei só por un ano e o traballo está cumprido. Son un cu inquieto, un nómade. Lembren que fun un dos primeiros arxentinos en vir xogar a Europa.
Fala de traballo cumprido, mais supoñemos que ficaría cun sabor agridoce.
É a mellor clasificación ligueira do Deportivo nos seus corenta e catro anos de historia. Se ao comezo desta campaña nos dixesen que iamos ser subcampións, acho que todo o mundo asinaría. Porén, ten que pasar aínda un tempiño para que poidamos admirar o acadado na súa xusta medida. Unha desilusión tan grande adoita esborranchar a perspectiva, polo menos a curto prazo.
Malia o triste final, o público de Riazor gozou de grandes tardes de fútbol.
Por suposto! Os nomes deste Deportivo ficarán gravados na memoria dos seareiros. De aquí vimos saír auténticos equipazos co rabo entre as pernas. Ao Real Madrid gañámoslle 3-0, igual que ao Sevilla e ao Barcelona. Mesmo o Atlético de Madrid, finalmente campión de liga, perdeu 3-1 en Riazor. Como locais amosamos unha solidez enorme. Esa foi a base do noso éxito.
E ao final, en San Mamés, que cre vostede que fallou?
Supoño que está relacionado con certa debilidade psicolóxica. Tiñamos todo ao noso favor e non fomos quen de manter o resultado, de xogar co tempo do partido ou aportar un plus de carácter nos momentos claves.
Sorprende iso que di, sobre todo se o comparamos co poderío mental amosado no derbi de Balaídos.
Daquela tiñamos moito que gañar e pouco que perder. Cada partido é un poema escrito cunha métrica diferente. Cando xogamos en Vigo había catro equipos inmersos na loita pola liga, polo que a posibilidade de sermos campións víase máis afastada. O Celta ía líder, dependía de si mesmo. Como local, ademais, estaba invicto. E nós como visitantes tampouco estabamos a callar grandes actuacións. O seu favoritismo era claro, e cando se adiantaron nada máis comezar o xogo, aínda máis. Con todo, daquela fomos quen de nos repor para gañar o partido.
Eliminando, dese xeito, un rival directo.
Abofé. O Celta non volveu levantar cabeza. Ao final coido que foron sétimos, non?
Así é.
Pois xa ven. É moi importante traballar os equipos táctica e tecnicamente, mais se despois falla a cabeciña, de pouco vale.
Falemos agora da súa traxectoria como xogador. Vostede comezou en Estudiantes de la Plata, formando parte dunha dianteira mítica.
Con Lauri, Zozaya, Ferreira e Guaita. “Os profesores”, chamábannos. Eu xogaba de interior. Botei alí cinco anos.
E por que o alcumaban o “Coello”?
[Scopelli ri e limpa cun pano as mans, vernizadas de xeado derretido]
Polos dentes non. Nin polas orellas. Lin unha vez que foi polo meu perfil agudo e sentido da velocidade.
Despois deu o salto a Europa para xogar en Francia, Italia e Portugal, antes de pendurar as botas e comezar a adestrar. Como definiría a súa filosofía no banco?
Vaites! Esa é unha pregunta complicada. Eu defendo a incorporación ao fútbol dos avances que o progreso ofrece. O deporte non pode ser unha illa, ten que avanzar ao mesmo paso que toda a sociedade. Isto non sempre é entendido polas maquinarias dos clubs, por iso me gusta asumir totalmente as funcións de preparador técnico e físico. Quero formar equipos cun sistema de xogo estábel, segundo as características dos homes. As tácticas deben variar de acordo coa calidade do adversario. Non se pode impor a determinado equipo unha táctica se non é en base aos homes dos que dispón.
E a canteira, que papel debe desempeñar nos clubs?
[A Scopelli ilumínaselle a mirada]
O futuro dun equipo ten que basearse nos rapaces da canteira. Aquí, na Coruña, dediquei moitas tardes a adestrar rapaces entre trece e dezasete anos que tiñan afección ao fútbol. É un traballo lindo. Convocábaos dous días á semana e preparábaos física e tecnicamente.
Cales foron os principais escollos que atopou á hora de pór en funcionamento o equipo xuvenil?
A ver, por parte do club tiven todas as facilidades. O presidente, Daniel Charver, apoiou a creación do equipo no intre xusto de eu llo propor. O principal problema encontrámolo a nivel organizativo. Non existían competicións específicas para estes equipos, polo que durante esta tempada os xuvenís do Deportivo tiveron que participar na serie A Rexional, medíndose a adultos. Por sorte, semella que a tempada próxima organizaranse as primeiras competicións oficiais.
Aínda así, supoño que o esforzo mereceu a pena.
Mereceu, si. Un orgullo ver como un proxecto tan persoal acababa por callar. Decátense de que, aínda que oficialmente o equipo foi inscrito como Deportivo B, todo o mundo o coñecía como “Escola Scopelli”.
Xa para rematar a conversa: que proxectos ten de cara ao futuro?
Coido que o meu principal anhelo é modernizar os métodos de preparación. Como xa lles comentei, son partidario de aproveitar os avances da técnica no deporte. Despois, a longo prazo, gustaríame escribir un manual para adestradores. Algo sinxelo e útil, que non resulte excesivamente pretensioso. Teño xa algunhas ideas sobre iso, mais polo de agora non atopei o tempo preciso para sentar a escribir.