Conversas cuánticas son unha serie de entrevistas ficticias a personaxes que, segundo o subxectivo e ás veces extravagante criterio do autor, resultaron relevantes na historia do Real Club Deportivo. O autor asume a responsabilidade de calquera erro histórico que poida producirse, voluntario ou non, de ningún xeito imputábel ás fontes consultadas. Pasen e lean!
Chegamos a 1909 nunha mañá gris de primavera. Un orballo persistente lambe coa súa lingua húmida unha cidade que se encolle sobre si mesma, procurando un imposíbel acubillo na súa xeografía de proa de barco.
Tras subir as solapas dos gabáns penetramos na armazón cuadriculada do barrio da Peixería, onde os os cafés vomitan risos e conversas animadas. As nosas olladas fíxanse no flamante Salón Vila de París, situado na converxencia da rúa Real con Rego de Auga. Batemos con pouca xente no noso camiño. Apenas algunha muller que retorna do mercado ou algún garda municipal que nos fita curioso. Chegamos á rúa Galera e procuramos a entrada do máis famoso ximnasio da cidade: a popular “Sala de Armas” de Federico Fernández-Amor Calvet.
Enchemos os pulmóns de aire e penetramos no local. O que vemos alí sorpréndenos en gran medida. Unha turba de homes novos, todos vestidos de branco inmaculado, practican esgrima, ximnasia ou erguen pesas. O aire faise denso. Cheira a suor e a lixivia, nunha combinación estraña á que nos custa un chisco afacernos. Un home de pelo negro peiteado ao medio, bigote e sorriso perfecto diríxese cara a nós ás alancadas. Pousa contra a parede un florete e nos ofrece a man. “Son os xornalistas?”, pregunta antes de convidarnos a entrar no seu despacho. Alí, illados do balbordo do recinto ximnástico, bota a andar a conversa.
Para comezar, como describiría o seu negocio?
Ben, a min non me gusta chamarlle negocio. Eu son un tolo do deporte, así que apostei por converter esta paixón nun xeito de vida. Nesta sala levo anos exercendo como profesor de esgrima, ademais de fomentando outras modalidades como a ximnasia ou a halterofilia. O papel da Sala Calvet é comparábel ao que exercen ximnasios tan egrexios como o Zamacois en Bilbao, o Martínez en Valencia ou os de Tolosa e Solé en Barcelona. Estou moi fachendoso do seu crecemento en todos os niveis.
Cal sería a diferenza con, por exemplo, o Sporting Club?
O home sorrí e aloumiña o seu bigote, enfornando ben a resposta.
Aquí, digamos, non somos tan elitistas. Presumo de ter unha mente máis adaptada aos novos tempos.
Novos tempos que inclúen a práctica do fútbol.
Federico ceiba unha gargallada.
Por suposto, por suposto! Como escapar a iso? É imposíbel. A primeira vez que ouvín falar de tal cousa, pensei que só era unha nova extravagancia británica, unha moda pasaxeira que non tardaría en esquecerse. En 1901 introduciuna na cidade José María Ábalo, un estudante da Escola Superior de Comercio. O rapaz estivera dous anos nun internado en Londres, e alí ficou enfeitizado por este novo deporte. Dous anos despois, Ábalo e os seus compañeiros fundaron o Corunna Footbal Club, nome tan pomposo como ridículo ao meu parecer.
Non semella terlles moita simpatía.
Pois non, para ser sincero con vostedes. O Real Club Deportivo da Sala Calvet e o Coruña somos as institucións máis representativas da cidade no eido do football. Deberiamos colaborar estreitamente, e non pórnos paus nas rodas. Son uns presuntuosos. Como foron pioneiros na súa práctica, coidan que ninguén pode disputarlles a hexemonía deste novo xogo. Por sorte, sabemos que iso non é verdade.
Fálenos da formación do club deportivo que leva o nome do seu ximnasio.
Aconteceu en 1906. Distintos socios da Sala Calvet foran xa partícipes da constitución do Corunna Football Club e do Club Náutico, polo que eramos quen de reunir un potencial equiparábel ao do Sporting Club. A existencia de varias seccións e unha demanda cada vez maior dos socios deron como resultado a constitución do Club Deportivo da Sala Calvet o 2 de marzo de 1906, un paso do que estamos moi orgullosos. Un bo amigo e socio da casa, Luis Cornide, foi elixido presidente. Durante o primeiro ano de vida centrámonos nas competicións de esgrima e de traíñas, modalidades ambas as dúas cunha forte tradición entre os socios e na que acadamos notábeis éxitos.
E entón xurdiu o fútbol…
Foi unha feliz casualidade, froito dunha arroutada. Unha noite coincidiu no café Universal gran parte da nosa sección de remo coa xente do Coruña. A conversa acabou derivando nunha discusión sobre cal dos dous deportes era máis completo, o football ou o remo. Os dous bandos acabaron retándose a dilucidar as súas diferenzas nun match no Corralón da Gaiteira. Iso debeu ser a finais do 1906. Non recordo ben a data. O que si lembro perfectamente é que o partido tivo que ser suspendido por falta de luz cando gañabamos 1 a 2. Manolo e Virgilio foron os autores dos tantos [refírese a Manuel Álvarez e mais Virgilio Rodríguez, primeiros goleadores da historia do Deportivo. Virgilio Rodríguez chegou posteriormente a ser presidente da entidade]. Iso foi un domingo. O luns proseguiuse o match, mais non houbo variación no resultado. Os do Coruña achaban que, por carecermos de experiencia, ían ter a cousa fácil, mais saíulles a burra capada.
Federico ri de novo. Nós non podemos evitar contaxiarnos da súa alegría.
Esa primeira vitoria debeulles dar azos para continuar co seu proxecto.
Non o saben vostedes ben! Animados polo vivido, en xaneiro de 1907 presentamos no Goberno Civil os estatutos do Club Deportivo da Sala Calvet. Neles ficaba fixada a primeira xunta directiva, con Luis Cornide na presidencia, como xa lles comentei. Tamén decidimos escoller para os nosos equipamentos as cores da provincia marítima da Coruña. Azul para o pantalón e branco para a camisola.
Imaxino que non tardaron en chegar novos retos.
Houbo que procuralos, mais chegaron. Os equipiers da improvisada sección de football (non esqueza que naquela altura eran remeiros), xunto con outros membros do club, decidiron concertar un novo match fronte á tripulación do vapor británico General Gordon. Esta vez a nosa vitoria si que foi contundente. 6 tantos a 1, nin máis nin menos.
A cousa xa semellaba imparábel…
Abofé que o era! Devagar a nova disciplina comezou a estenderse pola cidade igual que un andazo de sarampelo. Xurdiron unha manchea de novos equipos: o Hércules, o San Luis, o Galicia, o Unión… De súpeto todos os rapaces coruñeses desexaban practicar football. Mesmo se improvisaron novos campos. Ademais de na Gaiteira, comezouse tamén a xogar no campo da Estrada.
Foi daquela cando decidiron construír un campo propio?
Foi. Durante o pasado ano tanto o Deportivo como o Coruña alcanzaron un crecemento espectacular, dividindo a afección herculina en dúas metades. A rivalidade foise facendo cada vez máis extrema. Tal é así, que estamos a pensar en deixar de xogar contra eles debido aos frecuentes altercados. Ambas as dúas institucións decidimos paralelamente que precisabamos instalacións propias. O Coruña estreou o campo de Monelos hai cousa dunha semana. E nós, como xa sabe, onte inauguramos o campo de Riazor ante o Fortuna Football Club de Vigo.
Supoño que está satisfeito con este novo campo.
Moi satisfeito, xaora! Eu pasaba por alí decote, nos meus paseos. Observaba eses terreos ao final da praia e pensaba: “Neste emprazamento podería construírse o campo de football máis fermoso do mundo”. O que comezou sendo un soño, xa ve, onte converteuse nunha firme realidade: un recinto de 18.000 m2 destinado á práctica deportiva, cunhas bancadas para 6.000 persoas. Coido que non o fixemos mal de todo…