O seu nome foi un dos primeiros en anotarse na longa lista de cedidos que o Deportivo ten este ano e agora trata de aproveitar a súa oportunidade. Diego Gómez suma pleno de titularidades no Arenteiro e afirma que quere seguir traballando para mellorar como futbolista antes de voltar á Coruña o próximo verán. Sobre isto e a súa adaptación ao club ourensán falou o canteirán branquiazul na que foi a primeira entrevista da tempada en RiazorTV.
Primeiras sensacións
«É un cambio de aires que penso que me vén moi ben para madurar. Un novo adestrador, novos compañeiros, novas instalacións, novo estadio, nova categoría… Penso que me estou incorporando bastante ben. Tiven mala sorte porque dúas semanas antes de comezar a liga tiven un esguince no lateral interno que me leva lastrado un pouco, pero aprendín a convivir con el. A primeira xornada por desgraza perdimos en Tarazona e a segunda perdimos na casa coa Cultural. Penso que temos un gran equipo e que o míster está facendo ben as cousas a longo prazo como quen di. Pouco a pouco».
Dúas titularidades
«Aquí síntome cómodo. O adestrador esíxeme moito, que é unha cousa que eu penso que necesito para poder pulir detalles. Veño aquí para aprender, para mellorar como futbolista e corrixir todos os defectos que poida. Nese aspecto Raúl (Jardiel) axúdame moito. Á categoría estoume acostumando ben. Aínda que non levemos dous bos resultados sentinme moi cómodo e na casa contra a Cultural na segunda parte merecimos gañar».
Cesión ao Arenteiro
«Empecei a pretemporada e vin que me falta un pequeno clic para poder axudar ao equipo máis que o ano pasado. Tiña claro que quería saír cedido a ter minutos e ser importante para mellorar como xogador mental, física e tácticamente. Tiña máis cousas e puiden esperar outras ofertas, pero falei con Álex Vázquez (director deportivo do Arenteiro), que tiña interese en min e aquí na casa sabía que ía estar ben. No club sabía que había boa xente, así que canto antes mellor para poder adaptarme e estar na xornada 1 o mellor posible».
A posición no terreo de xogo
«Nese caso o míster méteme moita caña. El quere que reciba máis preto da última liña rival posible porque sabe que esa é a miña virtude: estar preto da portería para poder meter goles e dar asistencias. O outro día tiven máis tendencia a encarar porque igual coa fame de debutar en Primeira Federación estaba motivado e con pernas para regatear. Tiña que estar mellor colocado porque ó final só puiden facer unha acción, que foi a da asistencia. Teño que mellorar para estar mellor colocado e, en lugar de facer unha acción boa, facer tres ou catro. Eu síntome cómodo tanto na banda como por dentro».