Ao final, o fútbol consiste en meter goles; algúns deses goles –pola súa importancia –converten o seu autor nunha lenda, ou marcan fitos xeracionais na historia dun club.
Unha institución centenaria como o Real Club Deportivo acumula no seu macuto un feixe de goles importantes, algún tallado aínda nas nosas retinas; como aquel de Vicente Celeiro ao Racing de Santander, que evitou un descenso que implicaría –con toda probabilidade –a desaparición do club; ou o voo de Alfredo Santaelena ante Zubizarreta, naquela eterna final de Copa do 95 que significou o primeiro título para a entidade; ou o de Donato contra o Espanyol, o de Makaay no vello Olímpico de Múnic, os de Pandiani ao PSG… en fin, tantos!
Pensamos tamén nos goles que marcaron un sinal numérico no campionato de liga. A pasada tempada, Fede Cartabia anotou contra o Málaga o gol 2.000 do Deportivo na Primeira División. Roy Makaay foi o encargado de acadar o 1.500 no 2003 e, antes ca el, Manjarín marcara o gol 1.000 nunha goleada contra o Valladolid en 1994.
Mais quen foi o autor do primeiro tanto do Deportivo na máxima categoría? As persoas máis estudosas da historia do club saben que foi un navarro, Julio Antonio Elícegui Cans, coñecido co marabilloso alcume de “o Expreso de Irún”. Un dianteiro centro puro, de raza, de quen Chacho afirmaba que remataba coa cabeza coa mesma forza que co pé.
Non podiamos esquecer nestas Conversas Cuánticas tal efeméride! Así que amañamos a viaxe e trasladámonos até o 28 de setembro de 1941. Nunha cidade gris que despedía o verán, asistimos ao debut do Deportivo na Primeira División. O rival, o Castellón. A expectación, brutal. Riazor estaba cheo até a bandeira unha hora antes do comezo do encontro. Naqueles tempos de escuros, ver xogar o teu equipo en Primeira era un bálsamo para o ánimo.
O público puido gozar do trunfo local. Tivo a honra de abrir o marcador un acabado de chegar. Á finalización do partido, baixamos aos vestiarios dispostos a entrevistalo. Velaquí a conversa:
Nova etapa nun novo equipo, mais vostede continúa a facer o que sempre fixo: marcar goles. Supoño que satisfeito, non?
Así é. Quero retribuír con goles o esforzo que fixo o Deportivo para ficharme. Para iso estou aquí. É un reto fermoso tentar consolidar o equipo na Primeira División.
Vostede é coñecido como “o Expreso de Irún” e, o certo, é que o ferrocarril tivo unha presenza moi importante na súa vida. Están relacionadas ambas circunstancias?
Probabelmente sexa só unha casualidade. O alcume púxomo Rienzi, un xornalista, pola intensidade que puña nos partidos. Eu daquela xogaba no Real Unión, e se por algo se coñece a Irún é polo seu importante tránsito ferroviario. Como vostede di, a miña infancia estivo relacionada co mundo do tren. O meu pai traballaba de factor de RENFE. Con todo, non creo que Rienzi o soubese.
Malia que Manuel Elícegui, o seu pai, traballaba en Irún, vostede naceu en Castejón (Navarra). Como foi iso?
[Elícegui ri. Na boca fáltanlle varios dentes, que perdeu por unha cabezada de Barridi, defensa do Osasuna]
Teimosías do meu pai! Cada vez que a miña nai estaba a piques de parir, el levábaa correndo a Castejón. Quería que todos os seus fillos nacesen onde el o fixera.
Por mor dese traballo do seu pai na RENFE, as mudanzas foron frecuentes…
Certo. Os meus primeiros anos de vida paseinos en Irún. Despois ascenderon o meu pai e mudámonos a Miranda del Ebro. O seguinte traslado foi a Soto del Rey, en Asturias. Celestina, a miña nai, decidiu que xa abondaba de andar dun lugar para o outro. Mandoume vivir cos seus pais a Marcilla. Os meus avós rexentaban unha tenda na que vendían de todo. A min gustábame pasar tempo nela. Alí afeccioneime ao tabaco e mais ao chocolate. Un día collín unha indixestión tremenda. A miña avoa convenceu o médico para que me dixese que estivera a piques de morrer polo tabaco. A mentira funcionou. Non volvín fumar.
Foi alí onde se iniciou no mundo do fútbol?
Foi. Naquela altura comecei a xogar no Ariñ Sport de dianteiro centro. O meu irmán Pedro xogaba no posto de interior. Despois fichamos polo Azkoyen de Peralta. Ao meu pai déronlle traballo en Beasáin e volveu xuntar a familia. Eu estaba xa en idade de traballar, polo que entrei de axudante de axustador na fábrica de vagóns da vila. Nesa mesma fábrica, dous directivos do club de fútbol local propuxéronme xogar no equipo. Eu nin o pensei.
E cando deu o salto ao Real Unión de Irún?
Foi no nadal dese ano. O Real Unión quixo facerme unha proba nun encontro contra o Marsella. Citáronme ás sete da mañá para o desprazamento. Ás cinco xa estaba nas oficinas. Gañamos por seis a tres, e eu marquei catro goles.
Esa foi a primeira de moitas outras goleadas. Algunha que lembre especialmente?
Talvez un partido contra o Murcia. Estabamos esmagándoos. O porteiro deles era de Irún. Enzo, coido que se chamaba. Ao chegar ao noveno gol díxome: “Por favor Antonio, que non me metan máis, que me xogo o posto!”
Eses rexistros goleadores permitiron que, malia estar o Real Unión en Segunda, fose chamado pola selección española.
Inicialmente só fun reclamado para un partido de adestramento. Os “posíbeis” contra os “probábeis”. Eu xogaba cos posíbeis. Fíxeno ben e puiden debutar, xa de xeito oficial, contra Portugal en Vigo. Marquei dous goles. A competencia era brutal. Xogábame o posto con Lángara e Campanal, nin máis nin menos. Despois xoguei outros tres partidos amigábeis: contra Francia en París, contra Iugoslavia e contra Bulgaria. Deste último partido gardo un bo recordo. Daquela pagábanse 250 pesetas por gañar e 50 por gol marcado. No descanso, os directivos da Federación baixaron ao vestiario e nos dixeron: “Ou deixades de marcar goles, ou nos arruinamos”. Continuamos marcando. Cando fallei un gol moi fácil, Quincoces achegouse a min e díxome moi serio: “Advírtoche, Antonio, que como falles outro igual imos descontarcho”. Metémoslles trece, catro deles meus. Despois, xogando xa no Atlético de Madrid, tiña todas as papeletas para ir ao Mundial de Italia, mais unha lesión deixoume fóra. E aí acabou a miña experiencia internacional.
Xa que saca o tema: como foi a súa fichaxe polo Atlético de Madrid? Segundo sabemos, tiña máis pretendentes.
Tentaron ficharme Barcelona, Atlético de Madrid, Sevilla e Athletic. O meu pai foi o que estabeleceu as condicións: 60.000 pesetas pola ficha e 2.000 de soldo mensual. O Atlético de Madrid ofreceu 50.000 pesetas e 1.500 de soldo. Aceptamos. Pouco despois presentouse o Barcelona aceptando as condicións iniciais, mais eu quixen cumprir a miña palabra e marchei para o Atlético.
Daquela estourou a Guerra Civil…
Así é. Na guerra fun cabo de metralladoras nas frontes de Bilbao, Santander, Ebro e mais Lleida. Ao final da contenda regresei ao Atlético, que mudara o apelido por “de Aviación”. Todo cambiara.
Como foi a súa experiencia no equipo madrileño?
Moi positiva. O Atlético entrou en Primeira División cun auténtico equipazo. Tal foi así que quedamos campións.
E despois A Coruña…
Si, tan só un ano despois. O Deportivo apostou por min e me fichou por 25.000 pesetas. Aquí estou contento. Esta semella unha boa cidade para vivir.