Óscar Gilsanz non quere que o Ourense CF – Deportivo de mañá no Couto supoña unha presión engadida para os futbolistas que están tendo menos minutos e que sairán ao céspede co obxectivo de manter vivo ao cadro branquiazul na competición. O adestrador de Betanzos deixa caer rotacións, pero avisa do perigo dun rival que está «no mellor momento da tempada»:
Xestión da Copa
“A ilusión está no partido de mañá. Non sei o que pode pasar en xaneiro. A mirada está posta no Ourense CF, un rival moi complicado, e en centrar os esforzos aí. A competición ilusiona a todo o mundo, dende o club ata os propios futbolistas e tamén a quen estamos arredor. É unha competición sempre emocionante e hai que facer un bo papel».
Examen para os menos habituais
“Tampouco creo que sexa unha oportunidade. Os futbolistas, cando teñen menos minutos e lles toca xogar, teñen que facer o que fan no día a día. Cando un adestrador os pon, é porque cre neles e en que están mellor preparados para ese partido. Aos que xoguen mañá pediráselles o mesmo que aos que xogaron en Cádiz ou aos que xoguen contra o Zaragoza. Diso se trata: os partidos sempre son a culminación dunha semana de traballo. Hai que poñer en práctica o que se fai a diario».
Charlie Patiño, preparado
“Non creo que sexa só o caso de Charlie, que está xogando pouco. Todos están preparados para xogar mañá e seguramente noutros partidos. Charlie está máis que preparado e esixirémoslle o que fai no día a día. Non é un exame para ninguén, tampouco para el. Hai que ter tranquilidade, dar tempo e ser pacientes con estas cousas».
Presenza de fabrilistas
“Algún estará con nós, pero temos esa limitación de que, pola propia regulamentación, só seis xogadores con ficha do filial poden estar inscritos, e sete do primeiro equipo teñen que estar sempre no campo. Hai que ver en que posicións fan falta os xogadores e como podemos aproveitar. Non se trata de dar descanso; a Copa ilusiona, e é un partido esixente. Tentaremos poñer a quen estea máis preparado. Os que teñen menos minutos probablemente teñan esa opción porque cremos que están listos para competir o partido, pero non creo que teñan que facer nada especial. Con que fagan o que están facendo nos adestramentos, amosarán un moi bo nivel».
Xestión dos menos habituais
“No día a día, as conversacións que hai nos adestramentos, xestionar todas as situacións… Escoitaba unhas declaracións de Guardiola, que dicía que o peor é deixar xogadores fóra porque os deixas sen facer o que máis lles gusta. É difícil de xestionar, ás veces de asimilar, pero é unha parte lóxica do fútbol. Neste equipo, co grupo que hai no día a día, hai moi poucas queixas nese aspecto. Ao xogador o que lle gusta é xogar cada día e hai que ter esa intuición de cando te podes achegar e cando non, e sobre todo darlle normalidade a esas situacións».
Bo momento do Ourense CF
“É un equipo bastante coñecido para min; enfrontámonos varias veces cando estaba no Fabril. Co ascenso comezaron cunha mala xeira de resultados, pero con Pablo están no mellor momento da tempada. Están xogando ben ao fútbol, con ese 4-3-3 que lle dá moita importancia ao balón, extremos moi abertos… É un equipo que está amosando un moi bo nivel, e será un partido complicado. É un rival de Primeira Federación, pero merece toda a nosa atención. Queremos preparar ben o partido, pasar a eliminatoria, e para iso debemos darlle importancia tanto ao partido como ao rival. O partido de mañá non será fácil para ninguén. Hai que xogar como un sabe, poñer toda a ilusión no partido porque, como vemos en cada xornada de Copa, sempre hai sorpresas. Por estatística, haberá 4-5 equipos de categoría superior que quedarán fóra contra rivais de menor categoría».
