O día de San Valentín de 1989 morreu nas Palmas de Gran Canaria un namorado do fútbol: Juan Marrero Pérez, coñecido como Hilario.
Hilario chegou á Coruña en 1928, co obxectivo de reforzar o Deportivo de cara á disputa da primeira edición do campionato de Liga. Canda el viñeron outros tres canarios: o defensa Guerra e mais os dianteiros Andrés Pérez e Perdomo (alcumado “Malapata”). Eles foron os pioneiros da transitada canle atlática que, futbolisticamente, conecta A Coruña coa illa de Gran Canaria, aínda vixente na actualidade.
“O pequeno Diaño”, como era coñecido no fútbol canario, foi a primeira fichaxe de renome da historia do Deportivo. O affair da súa incorporación gastou litros de tinta en toda a prensa do estado. O Fútbol Club Barcelona tamén reclamaba os seus servizos, e tras varias denuncias o caso tardou varios meses en resolverse a prol do club herculino.
Ademais, Hilario Marrero será lembrado por ser o adestrador que conseguiu os dous primeiros ascensos do Deportivo á Primeira División, nas tempadas 1940-1941 e 1945-1946.
Os viaxeiros xa asistiramos ao primeiro ascenso, logrado ante o Murcia no campo de Vallecas. Daquela aproveitaramos para conversar con Chacho. Para non repetir destino, decidimos viaxar até o 24 de marzo de 1946. Naquela data, o Deportivo impúñase ao Ferrol no vello estadio do Inferniño, conseguindo o retorno á máxima categoría do fútbol estatal tan só un ano despois do descenso.
A chuvia, que acompañou o ferrocarril na súa lenta odisea ártabra, non desanimou a abondosa parroquia deportivista que decidiu desprazarse até a cidade departamental. Baixo os paraugas, mais nun clima alegre, asistimos a un encontro resolto por un solitario gol de Fabeiro, que outorgaba ao Deportivo o ascenso matemático.
Aínda coa chuvia a percutir a lona dos nosos paraugas, conseguimos achegarnos a Hilario, arrodeado en todo momento por deportivistas que o felicitaban, producíndose mesmo algunha tentativa de manteo por parte dos máis entusiastas. Un sexto sentido permitiu que o canarión nos identificase no medio da turba como os entrevistadores. Mal como puido, achegouse a nós e, sen mediar palabra, chantounos senllos beixos nas fazulas. «Onde nos resgardamos?», preguntounos exultante. «Alá, naquela cafetaría», alcanzamos a lle dicir entre os berros e os cánticos. E cara alá fomos.
Antes de nada queriamos darlle os parabéns por…
Veña, ho, veña! Viñeron desde tan lonxe para darme os parabéns? Imos ao asunto. Disparen.
[Os viaxeiros ficamos petrificados. Tomamos un grolo de auga para vencer o abraio e comezamos a entrevista]
Ben… Pode dicirse que vostede foi un pioneiro do fútbol. Como lembra as súas primeiras patadas a un balón?
Iso está mellor! Pois lémbroas con enorme ledicia, claro. De neno, aprendín a xogar so, máis por intuición que por outra cousa. As miñas primeiras leccións deinas no Peirao Grande das Palmas. Nunca, en ningún outro momento nin noutro lugar, volvín gozar do fútbol como daquela.
A que anos fichou polo seu primeiro club?
Pois debía de ter uns dezaseis anos cando me unín ao Porteño. Pouco despois marchei ao Victoria [o Real Victoria era un dos cinco clubs que deron orixe á Unión Deportiva Las Palmas, en 1949] para cubrir o posto deixado por Padrón, “o Sueco”, que acababa de fichar polo Espanyol.
E desde o Victoria deu o seu salto á península. Nada menos que ao Deportivo da Coruña, nunha fichaxe chea de polémica.
Tampouco foi para tanto.
Non foi?
O que houbo foron perrenchas do Barça e do Victoria. Mais, aínda que se puxeron ben túzaros, non foron quen de impedir que xogase no Deportivo. O único que fixeron foi perder tempo e diñeiro.
Importaríalle resumirnos toda aquela situación?
Naquela época, estou a falar dos anos 20, pouco se sabía na península do fútbol canario. Algúns equipos decidiron facer unha xira de amigábeis polas illas. Un deles foi o Celta, que se enfrontou contra o Victoria e perdeu por oito a cero. Catro daqueles goles marqueinos eu. Estas e outras actuacións chamaron a atención de varios equipos, que daquela se estaban a reforzar para a disputa do primeiro campionato de liga. O Deportivo ofreceu por min 43.000 pesetas. Daquela adestraba os coruñeses o húngaro Woggenhuber, que me coñecía do seu paso polo Marino. O Real Victoria negábase a este traspaso, xa que estaba en negociacións co Barcelona para venderme por 100.000 pesetas.
Foi entón cando se produciu a denuncia?
Foi. O Real Victoria denunciou o caso á Federación Nacional, que ditaminou que non xogase no Deportivo. Con todo, eu, como quen ouve chover! Incorporeime ao equipo e xoguei todos os partidos da tempada 1928-1929. Mais a cousa non acabou aí! O Barça, considerándose cos meus dereitos, presentou tamén un recurso alegando unha cousa moi rara. Algo así como que persoas do Deportivo me secuestraran en Valladolid e me coaccionaran para fichar. O caso tivo sona! Lembro mesmo que un xornal de Bilbao, o Excelsior, se referiu aos directivos galegos como “negreiros”.
E como acabou a cousa?
A Federación resolveu que o Deportivo procedera regulamentariamente no asunto, polo que me daban permiso para xogar (algo que nunca deixara de facer). É máis, aínda sancionaron o Victoria por ter cobrado sen formalizar o contrato. Nin imaxinan como se puxo a prensa catalá!
Naquela primeira etapa na Coruña botou tres anos, antes de…
Agarden un intre! Non me van preguntar pola miña fuxida vestido de muller?
Achamos que, talvez, non era pertinente…
Pregunten, ho! Xa estou afeito a que me veñan sempre con esa andrómena.
Está ben: é certo que, estando vixiado pola afección do Real Victoria, tivo que embarcar nas Palmas vestido de muller?
Non penso responder esa pregunta!
[…]
É certo que tiven que espremer o enxeño para poder marchar da illa, mais vestido de muller? Vostedes viron as pernas que teño?
[Hilario arremanga o pantalón para amosarnos as canelas]
Eh… Retomando a cuestión anterior, naquela primeira etapa na Coruña botou tres anos, antes do seu traspaso ao Madrid.
O Madrid, farto xa de non gañar a Liga, decidiu reforzarse ben. O Deportivo ingresou 100.000 pesetas por aquela operación. Partillei vestiario cos Zamora, Ciriaco, Quincoces, os irmáns Regueiro… A verdade é que conformabamos un auténtico equipazo.
E é certo que gañou un solar na Castellana por facer un bo partido? Ou tamén é outra rexouba?
[Hilario ri a gargalladas] Iso aconteceu de verdade! Foi despois da final de Copa do 34, contra o Valencia en Montjuic. Fixen un bo partido. Estabamos empatados a un, e un gol meu perto do final acabou dándonos o título. En agradecemento, un directivo do Madrid obsequioume cun solar na Castellana.
E despois chegou a Guerra. Como a viviu vostede?
Pois non me podo queixar, para serlles sincero. Paseina na Coruña, onde todo o que puiden facer –futbolisticamente falando –foi xogar algúns amigábeis. Agora si, podo afirmar que lle salvei a vida a un home.
Como é iso?
Paco Trigo, porteiro fichado polo Santander, estaba a pasar as vacacións de verán na Coruña, onde o sorprendeu a Guerra. Unha noite estaba o home nun cabaret do Orzán, perto do Cine Goya, cando –sen saber ben a razón –uns falanxistas o detiveron, dicíndolle que os tiña que acompañar. Cando xa o sacaban do local, entraba eu pola porta. Os falanxistas coñecéronme e paráronse a pedirme uns autógrafos. Eu conversei amabelmente con eles, e presenteilles a Trigo como “o famoso porteiro do Santander”. Pregunteilles a onde o levaban. Os tipos, avergoñados, confesáronme nun aparte que ían “pasealo”, mais en vista da súa fama cearon na súa decisión, e mesmo lle pediron tamén uns autógrafos ao bo de Trigo!
Vaites! É unha historia sorprendente.
Pois como esta, teño varias. Mais haberá que ir cear, non?
Si. Imos coas últimas preguntas. Finalmente, e malia polémica previa, acabou por xogar no F.C. Barcelona.
Si, ao finalizar a Guerra, no 39, incorporeime ao Barça. Vese que os cataláns son prácticos e pouco rancorosos.
Alí bota unha soa tempada até que, na 40-41, retorna ao Deportivo, xa co rol de adestrador-xogador, logrando o ansiado ascenso á Primeira División.
É que queren que lles diga? Xa o dixeron vostede todo.
Como lembra aquela etapa?
Foi duro, tivemos que pelexar polo ascenso até o derradeiro segundo. Porén, foi bonito acadar un obxectivo tan cobizado. Contaba un grupo de xogadores magnífico, un moi bo equipo.
Despois pasa polo Elche e polo Racing de Ferrol até que, nesta tempada, é reclamado novamente polo Deportivo tras o seu descenso a Segunda. Custoulle volver?
En absoluto. Esta sempre foi a miña casa. Ao principio de tempada respirábase moito pesimismo, mesmo se pensaba no descenso á Terceira División. A directiva, presidida por Virgilio Rodríguez, chamoume para comandar a nave, e eu nin o dubidei. Fun case o único reforzo, pois a economía non está para grandes inversións. Chegou Ponte, iso si, que se converteu nun baluarte na defensa. Contra todo prognóstico, hoxe puidemos acadar o ascenso.
Queriamos agora preguntarlle polas súas internacionalidades.
De verdade queren falar diso? Mais se só xoguei dous partidos, e un perdino 7-1 contra Inglaterra!
De que quere entón falar? Xa para rematar a entrevista.
Dunha frustración que teño.
Adiante.
No Deportivo xoguei en case todos os postos, mais nunca de porteiro. Esa é unha mágoa que arrastro comigo.
[Silencio]
Imos cear?
Imos!