Miguel Loureiro, dende a súa chegada ao Deportivo o pasado verán, erixiuse como unha peza insustituible na defensa branquiazul. O cercedense completou os 21 partidos ligueiros nos que estivo dispoñible, comandando o eixe da zaga deportivista. A pesar de levar pouco máis de seis meses na disciplina herculina, o galego é un dos principais referentes no vestiario e un dos xogadores que máis conecta cunha afección á que lle quere dar máis «motivos para crer».
Loureiro considera que a visita do Racing de Santander a Riazor (domingo, 21:00 horas) é un «escenario inmellorable para poder reforzar a conexión» entre os futbolistas e os afeccionados. Ademáis, falou en RiazorTV -entre outros temas- do bo momento do equipo tras remontar en Almería, da súa posición predilecta e da xestión do vestiario que realiza Antonio Hidalgo.
A conexión do equipo con Riazor
«Xérase un clima moi complicado para o rival e unha inercia moi positiva para nós. Penso que é algo incrible cando consigues crear esa conexión entre grada e equipo, dentro do campo percíbese. Cando consigues facer unha ocasión ou estar cerca de meter un gol, penso que o rival percibe que pasaron máis cousas das que pasaron. Pasa o mesmo cando o vives en contra, xérache un estrés. Que o equipo consiga encontrar esa conexión coa grada é fundamental. Vivímolo nas últimas noites en Riazor, para min é unha sorte e un espectáculo, axuda moito ao equipo. Necesitámolos un montón, queremos darlles motivos para crer en nós e o partido do domingo é un escenario inmellorable para que todo iso suceda e poder reforzar esa conexión da que falo«.
Sentido para recibir ao Racing
«Obviamente sabes que estás pelexando directamente con ese equipo, entón si que pode haber un extra de rivalidade. Tes tamén na cabeza o partido da primeira volta e obviamente hai motivación. A motivación do entorno tamén inflúe, pero hai que darlle normalidade, estar tranquilos e non saír ao campo sobreexcitados ou vivíndoo cun exceso de responsabilidade, que moitas veces pode ser perxudicial. Temos que facer o que fixemos ata agora, con ilusión e convicción. Sabemos que Riazor empuxa moito e cando hai o ambiente que vai haber este domingo é espectacular. Iso vainos axudar, danos un plus e máis forza. Todos eses condicionantes están aí e non se poden obviar, pero hai que ter esa parte de cabeza e tranquilidade para vivir as cousas con sentido«.
Unha vitoria en Almería que reforza a confianza do grupo
«Con moito ánimo e moita ilusión, era unha victoria que nos facía falta. Moi meritoria por parte do equipo, un bo partido en liñas xerais con moito merecemento. Iso sempre reforza a confianza do grupo e do equipo. Sabiamos que este mes de xaneiro era complicado e creo que o equipo está dando a cara. A vitoria do outro día reforza ese traballo que viñemos facendo. Con gañas do que vén por diante, que é un partido moi bonito».
Sobre o seu gol anulado: «unha xogada un pouco gris»
«Fun capaz de saír do bloqueo, a xogada era esa. Vin que non me seguía a miña marca, que Luismi ía sacar e estaba convencido de que o balón ía chegar para poder rematar. Sin ter claro o que pasara porque eu sabía que non fixera falta. Tan pronto rematei e caín ao chan escoitei ao árbitro pitar, pero non era polo gol porque vin a reacción dos meus compañeiros. Non sabía exactamente o que pasara porque foi todo moi rápido. Un pouco de frustración polas ocasións que veño tendo e pola sensación de poder axudar ao equipo cun gol e que non valese. É unha xogada un pouco gris, a típica que se o árbitro non a pita en directo, o gol tería valido«.
De profesión defensa
«Eu síntome defensa, sentínme defensa toda a vida. Outros xogadores comezaron xogando máis adiante e foron reconvertidos, eu dende os catro anos empecei de defensa nas Escolas Luis Calvo, é o que me considero. Con todos os matices e condicionantes que teñen esas posicións en función de onde me coloque o míster, síntome cómodo porque creo que fun capaz de adaptarme e encontrar as solucións en cada situación. Por exemplo, cando xogo na esquerda teño que ser consciente de que teño que facer cambios para adaptarme a golpear coa perna mala e perfilarme, cambia a túa situación no campo. Como xogador, cando tes esa sensación de que eres capaz de rendir e xogar en diferentes posicións e perfil, é algo que te reforza e que te sintas cómodo. Onde máis cómodo me sinto é defendendo, onde o míster elixa e onde considere que podo ser máis útil para ese partido, aí é onde intento facelo ben».
A tranquilidade de Hidalgo
«Soprendería, é máis tranquilo do que se pode percibir desde fóra. Sempre temos eses cinco minutos para recuperar e estar todos en silencio tranquilos mentras el está noutra sala vendo parte de vídeo ou tendo claras as modificacións que vai facer. Despois trasládanoslo a nós na pizarra e danos os matices tácticos que considere. En función de como fora a primeira parte tamén nos dá a súa opinión a nivel psicolóxico, o que pensa que temos que cambiar. Todo con bastante calma e tranquilidade».
A charla completa con Miguel Loureiro, en Patreon
¿Queres apoiar o noso traballo diario dende hai máis de dúas décadas? Faite Patreon e desfruta de todo o noso contido exclusivo, como a entrevista a Miguel Loureiro. Terás acceso á nosa canle de Discord, ao sorteo de entradas, ás previas dos venres e moito máis.
