A previa do Deportivo–Racing de Santander terá este domingo un compoñente especial fóra do terreo de xogo. A iniciativa Aquí Tamén Se Fala anunciou unha acción sorpresa nas inmediacións do estadio de Riazor para volver reclamar que o club recupere o topónimo oficial da cidade: Deportivo da Coruña.
A convocatoria está fixada para o domingo 25 de xaneiro, finalmente ás 19.00 horas, na porta 4 do estadio, logo dunha modificación horaria por indicacións de seguridade cidadá.
Un concerto sorpresa na previa do partido
Desde a organización avanzan que se tratará dunha actuación musical sorpresa, protagonizada por unha das bandas con maior impacto da escena galega actual. Sen revelar o nome do grupo, lanzan unha mensaxe clara aos asistentes:
“Se cando chegas non ves escenario, non te estrañes… as sorpresas son así”.
A acción forma parte dunha nova mobilización social baixo o lema #oDéporéDaCoruña, que busca visibilizar o apoio popular á corrección do topónimo do club, especialmente nun contexto simbólico como o que se aveciña.
120 aniversario e máis de 40 anos de normalización lingüística
A iniciativa lembra que o vindeiro curso o Deportivo celebrará o seu 120 aniversario, mentres que a Lei de normalización lingüística leva máis de catro décadas en vigor. Neste marco, todos os institutos públicos da Coruña asinaron recentemente un manifesto conxunto animando ao club a dar este paso.
A mobilización conta cunha participación destacada da mocidade estudantil coruñesa, organizada desde o IES Rafael Dieste, que aproveitará a xornada para repartir outros 10.000 colantes, que se suman aos máis de 30.000 xa distribuídos nos últimos meses.
Desde Aquí Tamén Se Fala definen a convocatoria como unha acción aberta, festiva e reivindicativa, co obxectivo de que a mensaxe chegue tanto á directiva como ao conxunto do deportivismo.
“O Dépor é da Coruña”, insisten, animando á masa social a achegarse á porta 4 e participar nun acto que pretende converter a previa do encontro ante o Racing nun novo espazo de expresión colectiva.
A organización pecha o chamamento cun aviso claro: “Vide, que a festa vai ser grande”.
