Riazor Blues convoca as Xornadas da Muller no Deporte

0

Achégase o 8 de marzo, día da muller traballadora, e dende Riazor Blues non queren deixar pasar a ocasión de reivindicar “a igualdade no ámbito do deporte, un dos espazos onde as mulleres continúan a sufrir unha evidente discriminación”. Por iso, convocan as “Xornadas da Muller no Deporte“, para, entre outras cousas, analizar a realidade a través de varias testemuñas.

En primeiro lugar, este xoves 28 de febreiro levarase a cabo a conferencia “O deporte feminino nos medios“, onde intervirán Cristina López Villar, profesora de INEF na UDC, e Olalla Rodil, redactora de Sermos Galiza. Dende as súas propias vivencias persoais, Cristina e Olalla intentarán achegar algo de luz acerca do papel das mulleres nos medios. A cita terá lugar a partir das 20 horas na Asociación Deportiva “O Chicho”, ubicada na rúa Almirante Cadarso 2 (moi preto do Estadio de Riazor).

Dúas semanas máis tarde, xa no mes de marzo, e en concreto o día 15, haberá oco para o fútbol feminino. Coa futbolista do Deportivo ABANCA Miriam Ríos como convidada, tratarán de abordar os obstáculos e as dificultades que se atopan as nenas futbolistas no seu camiño por gozar dunha paixón.

Xa para rematar, a última cita das xornadas, está prevista para a tarde do 28 de marzo. Co título “Deportista e muller”, e con ata cinco protagonistas como son Verónica Vázquez Penas (Fillas de Breogán), Mary Xeli e Ichi The Killer (As Brigantias), Eliana Vera (H.C. Liceo) e Marisela González (C.B. Allariz), tentarán abordar o papel da muller no baloncesto ou no hóckey sobre patíns, entre outros.

Sobre el Autor

Equipo de redacción de Riazor.org.