Unha das figuras máis reforzadas do Compostela vs Deportivo foi Yago Iglesias, o adestrador do conxunto santiagués. O técnico mostrouse moi orgulloso dos seus xogadores: «Vin a un Compos moi valente dende o inicio do partido. Moi identificado coa idea e a filosofía. Esta semana traballamos para ser protagonistas e disputarlle o balón a calquera rival. Na primeira parte primou o control do balón e do espazo, porque sabemos que o Dépor ten moi bos xogadores en todas as liñas. A partir do minuto 70, pode que polo paso adiante que deron eles, optamos por dar máis seguridade no centro do campo e facer transicións. Aí chegaron boas ocasións, pero xa tiveramos algunhas no primeiro tempo. No vestiario sentimos que os tres puntos puideron quedar en San Lázaro. Estou moi agradecido aos meus xogadores por crer na idea, por facela boa«.
Non cre Yago Iglesias que se vira un mal Deportivo: «Todo o mundo sabía o que había diante, a nivel individual e colectiva. Pero moita culpa de que non se vira a un Dépor dominador é polo bo facer do Compos. Xa dixen que non tiñamos que ter ningunha preocupación por este partido. Non me sorprendeu para mal, é imposible que un equipo así sorprenda para mal. O que fixemos foi esquecernos do rival e a partir de aí, centrarnos única e exclusivamente no que fomos».
A adaptación á categoría
A sensación foi que o Compostela podería ter gañado o encontro de ter algo máis de claridade nos últimos metros. Aí é onde Yago Iglesias cre que tamén se nota a adaptación á Segunda B: «Son situacións que teremos que ir superando dentro da nova competición. O ritmo e o bo facer dos rivais. O ano pasado chegábamos moito á área rival, xogábamos en campo rival e chegábamos de todas as maneiras. Agora as cousas cambian, o nivel cambia. Hai que adaptarse, sobre todo á velocidade. Non só física, se non tamén mental«.