A comparecencia de Fernando Vázquez na previa do Deportivo vs El Ejido de Copa estivo centrada na situación do adestrador, ao que lle sorprende que haxa xente incluso cuestionando a súa continuidade: «Eu só recibín unha chamada do presidente, que me dixo o que dixera cando lle preguntaron. Nada máis. Non me sinto cuestionado porque ninguén me pon en cuestión. Pero levo moitos anos nesta profesión. Non hai moito tempo, Zidane estaba para tirar ao lixo e agora é intocable. Dependes dos resultados. Que me sorprende a min? que o meu nome salte porque perdín un partido. Para min é unha sorpresa que o presidente teña que saír a defender, non me parece normal. Por iso me deixa algo descolocado. Ao mellor a seguridade que penso que tiña, non sexa tanta«.
O técnico agradeceu, de todos xeitos, as palabras de Fernando Vidal: «Claro que as agradezo, é difícil traballar se sentes areas movedizas. O máis importante é sentir que se está traballando sobre algo real e non ficticio. Non fai falta que te apoien cando a situación vai ben e cando gañas. Perdemos un partido. Non coñezo ningún equipo que tivera unha pasaxe moi clara e de triunfo na Segunda B. Hai momentos de crise e nós perdemos un partido. Considero que non necesito apoio, non penso que sexa necesario«.
Fernando Vázquez e a ausencia de Adri Castro na convocatoria
Fernando Vázquez sabe que marchar ao Nadal cunha nova derrota podería facerlle moito dano ao Deportivo. Afronta a Copa como unha oportunidade de gañar e así explica a ausencia de Adri Castro e outros fabrilistas: «A Adri non o levo porque a miña perspectiva da Copa cambiou. Se tiveramos gañado o domingo, tiña pensado que a Copa era un torneo no que non podemos gastar moitas enerxías. Pensaba en Adri e outros xogadores. Pero pola situación anímica, o equipo necesita volver a gañar. Ou polo menos ter máis posibilidades. Vou utilizar a Copa como un intento de reanimar, non só ao equipo, se non tamén á afección«.
Precisamente do estado mental do vestiario faltou tamén o de Castrofeito, recoñecendo que os xogadores acusaron a presión o pasado domingo: «Algún díxome que parecía que estaban xogando un desconto de 45 minutos. É o que sentían eles e eu enténdoos. Partimos dun plano no que o Deportivo é moi superior e ten que gañar todos os partidos 5-0. Esa presión, esa sensación de que non podes fallar por ser o Dépor si que se sinte. Non me parece negativa sempre e cando se saiba asimilar«.