O comezo de tempada do Deportivo non está sendo sinxelo tras sete xornadas desputadas. O equipo non arranca, o que se traduce nunha mala posición na táboa e unhas sensacións que van empeorando de xeito preocupante. Tras os malos resultados foron varios os xogadores que explicaron como lles está a afectar a presión a nivel psicolóxico, algo ao que tamén fixo referencia Imanol Idiakez tras a derrota fronte ao Celta Fortuna. Gabi Pita, psicólogo deportivo con pasado no propio Deportivo, tratou este asunto no programa semanal de A Balón Parado en RiazorTV.
Para el as explicación ofrecidas sobre a presión non son unha sorpresa. «As palabras de Idiakez eran esperadas para min porque é unha realidade que o inclúe a el, pero sobre todo aos xogadores. Un adestrador é consciente cando ve aos xogadores saturados polo escenario. Onte viuse iso e reflectiuse en que estamos configurando un equipo con xogadores de Primeira Federación, pero cun estadio de Primeira División«, asegura.
«Hai que ter en conta as características dos xogadores que estaban no terreo de xogo. O caso de Dani Barcia, que é un rapaz de aquí, que entra a xogar con moita ilusión, pero tamén con moita responsabilidade enriba dos ombreiros. Soprendeume a pouca paciencia que houbo nalgún sector da grada con este tema. É un xogador que está practicamente debutando, xogando fóra da súa posición e que non debemos olvidar que está empezando. Se queremos que os canteiráns teñan o seu espazo hai que querelos con todo«, comentou Pita sobre a presión nos máis novos do equipo.
Tamén está a influir no comezo da liga o estado de forma dalgúns xogadores dos que se espera moito máis: «Hai outros xogadores que non estiveron á altura porque esperas que coa traxectoria que levan tiren do carro. O caso de Lucas, non creo que se inclúa no «tuvimos miedo», pode ser unha maneira de mandar unha mensaxe ao vestiario. Non o sei. Espérase máis de Lucas, pero non foi dos que vin máis superados. Hai unha imaxe del cando vai sacar de centro e pide tranquilidade aos compañeiros».
En canto ás explicacións ofrecidas polos futbolistas sobre a presión, Pita explica que «non creo que os xogadores o digan coa intención de ocultar unha realidade, é que non son conscientes dela ata que a viven. Hai moitas realidades que ata que as vives, aínda que chas conten ou viñeras aquí de visitante, non o vas percibir ata que o vexas aí abaixo no verde enfrontándote ao rival. O ser humano tende a que como este é un tema do futuro, tal vez nese momento xa teña as ferramentas para resolvelo. E logo está o tema de que como todo o mundo di que a presión é unha bendición non vou vir aquí de «cagado» a dicir que a presión pode comigo«.
O liderazgo desde o banco
A aportación do adestrador é sempre importante en calquera equipo. Máis aínda se o rendemento non está a dar os froitos desexados. «É difícil saber se un adestrador é líder nun vestiario porque non sabes a ascendencia que ten. Os xogadores sempre din que van a morte con el ata o día antes de que o boten, iso está claro», asegura.
«Hai dous tipos de liderazgo: un líder de relación e un líder de tarea. Se Idiakez o é de relación é porque ten esa capacidade de comunicar e facer crer ós xogadores o que poden. E logo o de tarea é porque sabe transmitir a través dos seus coñecementos do fútbol que é unha persoa preparada», conclúe Pita.