Tras a súa saída do Deportivo unha vez finalizada a pasada tempada, Rubén de la Barrera púxose á fronte da selección do Salvador. O coruñés, que segue os resultados do equipo branquiazul desde América, afronta a súa terceira semana no cargo, onde xa puido dirixir dous encontros do combinado salvadoreño. Este mércores falou no programa Ao Contraataque da Radio Galega sobre como vai a súa nova etapa e tamén da complicada situación que vive o Dépor na Primeira Federación.
«Antes de vir para aquí tiven a oportunidade de ver algún partido do Dépor», comenta De la Barrera. «Despois o que coñeces agora é polos resultados. Eu entendo que nunca é anecdótica a clasificación cando se levan estas xornadas, pero non me creo que o rendemento do Dépor non o vaia empurrando cara arriba. Eu deséxoo. Ogallá pouco a pouco vaian remontando posicións nun bo vestiario con bos xogadores ben adestrados. Espero que sexa cuestión de tempo que o equipo vaia para arriba«, asegurou.
Recordando os seus sorprendentes despidos da entidade branquiazul, di que ambas saídas «foron duras, a última máis por ser a máis recente, pero son dous capítulos que xa falamos no seu día. Non hai por onde collelo, nin a primeira nin a segunda. Estiven ao longo da miña vida máis veces fóra que dentro do club e o que quero é sempre o mesmo: que gañe sempre o Dépor. Estea eu ou non. Iso é independente. Pero cando un está e ten a ilusión de facer cousas, no momento no que toca saír doe, é así».
Con todo, confesou que «un non é que viva esperando iso, pero é certo que se teño ilusión por algo é por ter unha etapa ‘normal’ no Dépor. Iso pasa por comezar algo e terminar algo cando toque e por motivos profesionais. Un claro que aspira a iso. Veremos o que acontece, pero eu estou moi tranquilo, moi centrado no meu. Xa se vera se máis preto ou máis lonxe aparece a oportunidade e se dan as condicións axeitadas para pensar en voltar».
A adaptación á vida de seleccionador do Salvador
Depois de tres semanas no país centroamericano, explicou que o de alí «é un concepto diferente ao que entendemos habitualmente por un posto de seleccionador». «Aquí temos a posibilidade de cada dúas semanas coller a rapaces que xogan aquí na Primeira División e adestrar día e medio ou dous días. Esta semana tivemos a posibilidade de recurrir a xogadores que están fóra, preferentemente nos Estados Unidos, e tivemos os primeiros partidos contra Martinica«.
Un debut que polo de agora non reportou un triunfo, pero si boas sensacións: «O partido de onte foi de 4-0 e se vedes o resumo comprobaredes rápido que tivemos moitísimas situacións claras de gol. A verdade é que moi contento tendo en conta varios factores. O primeiro que esta selección leva máis de catorce meses se gañar un partido e foi unha mágoa porque o rendemento do equipo foi mellor que o do rival. A receptividade é moi boa para o equipo e estou moi orgulloso e satisfeito, pero aínda queda moito por andar«.