Conversas cuánticas son unha serie de entrevistas ficticias a personaxes que, segundo o subxectivo e ás veces extravagante criterio do autor, resultaron relevantes na historia do Real Club Deportivo. O autor asume a responsabilidade de calquera erro histórico que poida producirse, voluntario ou non, de ningún xeito imputábel ás fontes consultadas. Pasen e lean!
Resulta emocionante podermos asistir ao primeiro partido de fútbol no Estadio de Riazor. Enfróntanse o Deportivo e mais o Valencia. Malia o coñecido resultado final, gozamos arreo observando o moito que cambiou este deporte nos case setenta anos transcorridos desde aquel xoves 22 de outubro de 1946. A incesante chuvia non acovardou aos case vinte mil espectadores que asisten ao xogo. É un partido duro, con dous lesionados por parte coruñesa. A afección é moi crítica coa actuación do árbitro, un tal Álvarez Santullano, do Colexio Centro. Inevitabelmente, o Valencia gaña por 2 a 3, establecendo un negro precedente das súas futuras visitas a Riazor.
Mais non viaxamos até daquela só para asistir a un partido de fútbol. A nosa intención é a de entrevistar a Santiago Rey Pedreira, o arquitecto responsábel do deseño destas novas instalacións deportivas.
Preto da entrada principal do estadio, agardamos por el gorecidos baixo un paraugas no que redobra a tenaz chuvia atlántica. Vémolo chegar entre a multitude, correndo, coa única protección dunha gabardina gris e un sombreiro. Pasa ao noso carón convidándonos a acompañalo. Seguimos o seu paso áxil até unha cafetería da avenida de Rubine, onde nos resgardamos. Nós pedimos café; el unha infusión de camomila. Sentamos nunha mesa e, entre salaios de queixa polo tempo, iniciamos a entrevista.
Para comezar: algunha valoración do partido?
Ningunha [Rey Pedreira dobra a boca nun sorriso elegante]. Voulles facer unha confesión: non me chista demasiado o fútbol. Vin a este partido porque sentía que hoxe era onde debía estar. Con todo, pasei máis tempo atento aos detalles da construción que ao propio xogo.
Falemos entón de vostede. Quen é Santiago Rey Pedreira?
Pois este que lles fala, podo xuralo. Que dicir? Santiago Rey Pedreira é un coruñés nado a comezo deste século de tolos. Tiven a sorte e o privilexio de poder estudar na Escola de Arquitectura de Madrid, onde colaborei co porriñés Antonio Palacios. Á miña volta á Coruña traballei no estudio de Pedro Mariño até 1932, ano no que fun nomeado arquitecto municipal.
É vostede considerado un dos grandes representantes do racionalismo galego. Acepta esta distinción?
Como non! Se é xenerosa de máis ou non, só o tempo poderá ditaminalo. O racionalismo defende a nudez da linguaxe, a economía do deseño e a pureza absoluta nas formas. Eu, en esencia, partillo ese xeito de ver a arquitectura. Actualmente pode dicirse que, como o resto da arquitectura española, estou a atravesar un período máis historicista, mais pretendo que as miñas obras non perdan o substrato racionalista orixinal.
Despois de case quince anos como arquitecto municipal, de que traballos está máis orgulloso?
Dos que aínda non fixen, sen ningunha dúbida. Non quero acomodarme na autocompracencia nin ollar o pasado con ollos de namorado. Aquí preto, en Cidade Xardín, están por exemplo as vivendas da Cooperativa Domus, que foron un bo traballo. Tamén o mercado de San Agustín, que fixen en colaboración con Antonio Tenreiro. E por suposto, o Estadium de Riazor, proxecto que ocupou moitos anos da miña vida.
Falemos entón do novo estadio. Cal foi a súa intención á hora de imaxinalo?
A idea principal foi o fomento da práctica deportiva nos seus diversos complexos. Riazor é un adiantado aos tempos vindeiros. O deporte local estaba encerrado en espazos insuficientes, e esta zona deportiva situará á Coruña na elite das cidades europeas polo seu equipamento, polos avances construtivos e pola calidade dos espazos urbanos creados. Ademais, a súa propia situación, fronte ao mar, nunha zona de praia e chalés, converterán Riazor nun dos estadios máis bonitos de Europa.
Cando xurdiu o proxecto?
Ben, a idea era vella. Xurdiu xa antes do “novo réxime”. Mais foi en 1939 cando comezamos a traballar para construír unha instalación arquitectonicamente emblemática. A miña intención é continuar a desenvolver esta zona deportiva, completándoa e integrándoa proveitosamente na cidade.
E como foi o proceso de levar esa idea á realidade?
Pois custoso, como xa imaxinarán. A construción do estadio excedeu os cinco millóns de pesetas. Non obstante, coido que o gasto mereceu a pena, e o proceso foi sumamente interesante. Para min a arquitectura, se o proxecto non se materializa, non é arquitectura. O arquitecto proxecta coñecendo á vez a forma, o traballo da estrutura e todos os medios construtivos ao seu servizo. A arquitectura está na obra executada.
Díganos en que elementos deberiamos fixarnos os profanos.
A miña intención é que a xente se fixe no conxunto. Aínda que profundando, hai elementos que condicionan a súa peculiaridade. Por exemplo, esa columnata con arcadas a xeito de fachada que enfronta a praia de Riazor. Iso, xunto coas seis pistas de atletismo en forma de ferradura, outórganlle ao estadio un aire de recinto clásico. A bancada elevada, de máis de oitenta metros de lonxitude, é unha das maiores de España. E xa póndonos máis técnicos, as celosías cruciformes que fechan as bancadas tamén son un elemento a destacar.
En resumo, que construíu vostede un coloso.
Abofé! O Deportivo pasou de xogar nun campo mediocre a facelo nun dos máis grandes de España. O recinto ocupa case corenta mil metros cadrados, cunha capacidade para trinta e sete mil espectadores sentados e sesenta mil de pé. Teñan en conta que a metade dos habitantes da Coruña caben nas súas bancadas. Riazor podería albergar, por exemplo, actos tan importantes como finais de Copa ou campionatos internacionais.
Chamounos a atención ese enorme obelisco que preside as instalacións.
Esa era precisamente a idea, que non pasase desapercibido. A torre de Marathón excede os corenta e cinco metros de altura, resaltando o eixe axial do campo. Está ideada como miradoiro para seguir en panorámica as probas atléticas, especialmente a maratón, claro.
E xa para finalizar, gustaríalle que algún dos seus fillos seguise os seus pasos?
Non sei que dicirlles. É un mundo moi exixente. A miña filla máis vella, Milagros, ten metido na cabeza converterse na primeira arquitecta galega. Eu trato de disuadila, xa que non vexo este un mundo demasiado favorábel para as mulleres. Mais a labor vai ser dura. É tan cacholana como o seu pai.
Máis Conversas cuánticas:
Federico Fernández-Amor Calvet, fundador do que agora coñecemos como RC Deportivo: “O football estendeuse pola cidade como un andazo de sarampelo”.
Luis Otero, xogador que deixou o Celta polo Dépor en 1924: “A conmoción en Vigo pola miña marcha foi enorme”.
Bebel García, deportivista fusilado en 1936: “Como futbolista, igual que na vida, doulle coa esquerda”.