Cada semana contamos coa firma de Yago Iglesias na previa dos partidos. O extécnico da SD Compostela é o encargado de analizar ao rivais do Deportivo para riazor.org. Nesta oitava entrega é o turno da UD Sanse. O Deportivo recibe ao equipo madrileño este sábado (19h) en Riazor.
Contextualización
Na previa do partido, vemos a dous equipos cos mesmos puntos e cos mesmos números: 4 vitorias, 1 empate e 2 derrotas. Neste caso, o Sanse ven en dinámica ascendente e o Deportivo, despois dun inicio brilante con 4 de 4, ven un pouco de máis a menos. Pero imos centrarnos, coma todas as semanas, no rival, no Sanse. Se a xornada pasada falabamos de que o Real Unión tiña mellores sensacións futbolísticas que resultados, neste caso vai ser ao revés. O Sanse é un equipo camaleónico e, quizais, o mellor que ten é que saca partidos adiante sen facer tantas cousas como facían rivais anteriores.
Idea de xogo colectiva
En canto ao seu modelo de xogo, dicía que é camaleónico porque, nas 7 xornadas que van disputadas, é un equipo que vemos que ten unha variabilidade de sistemas, de posicionamentos no campo… Que fai prever que hai moito estudo sobre o rival e, a partir de aí, o desenvolvemento de plans de partido. Houbo encontros nos que xogou con 3 centrais, encontros nos que xogou en 1-4-2-3-1 e encontros nos que optou polo 1-4-1-4-1, incluso por momentos 1-4-4-2.
Todos se caracterizan, na fase ofensiva, por un posicionamento avanzado na súa casa; un campo complicado, de herba sintética, onde sabe que ten moito gañado ante rivais que queren ter a posesión de balón. Entón vai apretar arriba. Pero fóra da casa, como vai ser nesta xornada en Riazor, opta por un posicionamento máis pregado, tapando pasillos interiores para apretar por fóra.

É un equipo moi forte, moi potente en transicións ofensivas e, sobre todo, o seu modelo de xogo ofensivo ten que ver máis co xogo directo. É un equipo que busca levar rápido a pelota aos seus xogadores máis avanzados para, a partir de aí, con pezas como Borja Martínez, Arturo Rodríguez ou Hernández en banda dereita… Buscar situacións de 1 contra 1, moito centro lateral, moita chegada á área por zona de banda.
Entón, non vou dicir que o Sanse sexa unha incógnita, porque si que o sistema de base nestas 7 xornadas foi un 1-4-2-3-1, que despois ao longo do partido vai variando. Pero é certo que este equipo, co mesmo adestrador (Marcos Jiménez), o ano pasado xogaba cun 1-3-4-3 e, este ano, aínda que en certos momentos tamén vimos iso, o sistema máis empregado é outro (1-4-2-3-1).
Xogadores destacados
En canto a xogadores destacados, hai un por liña. Ou así me chamou a min á atención nestes 7 partidos disputados.
Na zaga, Franck Fomeyem, central habitualmente dereito, aínda que contra a UD Logroñés xogou na esquerda. Moi forte fisicamente, boa saída de balón, bo pé. E cunha característica moi interesante: cando o requiren, os saques de banda cercanos á área é el o que os vai sacar, porque ten un envío moi potente, mete os balóns directamente á área, e convértese case nun córner.
No mediocampo, estaría Dani Molina, nese dobre pivote Molina-Llorente. É o receptor, o que se achega máis a centrais para buscar o balón nesa zona de iniciación. Aínda que esa mobilidade a fan para atraer e, a partir de aí, golpear en longo, como diciamos antes, sobre Arturo ou diagonais sobre Hernández e Borja Martínez.
Creo que os 3 xogadores máis destacados do Sanse son estes últimos, os da parcela de ataque:
– Borja Sánchez, mediapunta. Xogador veterán, con moita experiencia e moita calidade por dentro. Todo o xogo interior pasa por el.
– Borja Martínez, banda esquerda. Bo regateador, ambidiestro, capaz de meterse para dentro e saír por fóra a perna natural, con moi bos centros e boas situacións de un contra un.
– Arturo Rodríguez, o dianteiro referencia. Un xogador corpulento, alto, con boa presenza e moi bo rematador.
Conclusión
Polo tanto, creo que esta fin de semana o Deportivo se vai atopar un partido incómodo no sentido de que, primeiro, vai ter que vencer esas dúbidas, entre aspas, en canto aos resultados das últimas xornadas. Non tanto de xogo, porque todos estamos de acordo en que en Irún gozou de ocasións claras de gol, pero non foi capaz de concretalas. Entón, vai ter que pelexar con ese estado anímico e tamén cun Sanse que se atopa relativamente cómodo deixándolle a iniciativa ao rival. E que despois opta por ese xogo directo, buscando segundos balóns e as internadas por banda, para cargar a área e facer gol desta maneira.